O novo CAPD de Ourense estará listo a principios de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, respondeu esta mañá a unha pregunta oral sobre as previsións relativas ao futuro Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense. Durante a súa intervención, avanzou que a Xunta porá en marcha nos primeiros meses de 2025 esta infraestrutura, cuxas obras están rematadas e que conta xa con todo o equipamento necesario.
Fabiola García lembrou que o Goberno galego investiu un total de 10 millóns de euros neste centro, que pasará a formar parte da rede pública autonómica e contará con 110 prazas públicas de atención diúrna e residencial.
A conselleira fixo fincapé en que, grazas ao investimento da Xunta, Ourense contará cun centro de vangarda que terá como finalidade ofrecer “un servizo público especializado, accesible e da mellor calidade” ás persoas con discapacidade.