O OUFF desvela a música que soará na súa 31ª edición

A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival xa ten definido o seu programa musical, que acompañará os momentos clave do certame, desde a gala de inauguración ata a de clausura, pasando por unha sesión vermú e unha cita pensada para todos os públicos na Praza Santa Eufemia.
Guille Galván abrirá o festival
O músico, compositor e escritor Guille Galván será o encargado de poñer música á gala inaugural, que se celebrará o venres. Coñecido sobre todo polo seu papel como guitarrista e un dos principais compositores de Vetusta Morla, editou seis álbums de estudo e catro EP ao longo da súa carreira, con numerosos recoñecementos e actuacións en salas de gran aforo en España e Latinoamérica.
O seu traballo vai máis alá da música, abranguendo tamén o deseño sonoro, a composición para cine e teatro, e a literatura, con poemarios como 'Retrovisores' ou 'Desconocidos'.
Antes de subir ao escenario, Galván acudirá á tenda de discos Bonus Track ás 13.00 horas para saudar ao público ourensán. A xornada inaugural contará ademais coa Real Banda de Gaitas de Ourense e cunha sesión do DJ John Axiom, que segundo a organización ten preparada unha sorpresa para os asistentes.
Escuchando Elefantes pechará o certame
O sábado 3 de outubro, a clausura do festival correrá a cargo do dúo galego Escuchando Elefantes, formado por Silvia Rábade e Carlos Tajes. O grupo, que iniciou a súa traxectoria tocando nas rúas de distintas cidades europeas antes de chegar aos grandes escenarios, caracterízase polas súas harmonías vocais e unha posta en escena intensa. Entre os seus traballos discográficos figuran títulos como 'Show & Tell' ou 'Hope'.
Vermú con Mambas Negras
Ese mesmo sábado, ás 13.00 horas, a Praza Santa Eufemia transformarase en escenario ao aire libre para acoller a actuación de Mambas Negras, banda que rende homenaxe ás bandas sonoras do cine de Quentin Tarantino. O seu repertorio recupera temas de surf rock, rock & roll, soul e funk presentes en películas como 'Pulp Fiction', 'Kill Bill' ou 'Reservoir Dogs'.
Unha homenaxe ao Xabarín Club para toda a familia
Tamén o sábado, ás 17.30 horas, a mesma praza albergará 'Lembra Xabarín', un espectáculo familiar que recupera os temas en galego dos anos 80 e 90 vinculados ao Xabarín Club. Estará encabezado pola voz do actor e músico Fer González, xunto a Víctor González, repasando cancións de grupos como Heredeiros da Crus, Siniestro Total, Aerolíneas Federales ou Os Diplomáticos de Monte-Alto. Completan o elenco Yenina Alonso á voz, Aitor Salgado á batería, Dani García e Fran J. Gómez ás guitarras, e Borja Iglesias ao baixo.