O OUFF homenaxea a Billy Wilder cun ciclo especial que repasa a súa etapa máis brillante

O Ourense Film Festival (OUFF) continúa avanzando na preparación da súa 31ª edición, que se celebrará do 25 de setembro ao 4 de outubro de 2026, coa presentación dunha das súas seccións máis especiais. O certame ourensán anunciou os títulos que formarán parte de Agarimo, un ciclo dedicado nesta ocasión ao cineasta Billy Wilder coincidindo co 120 aniversario do seu nacemento.
A sección Agarimo naceu coa intención de recoñecer, desde unha mirada próxima e de agradecemento, a figuras fundamentais da cultura cinematográfica. Nesta edición, o festival quere poñer en valor o legado dun dos directores e guionistas máis influentes da historia do cinema internacional, un creador cuxas películas seguen sendo referentes para novas xeracións de profesionais e espectadores.
O ciclo estará composto por cinco películas imprescindibles da filmografía de Wilder, centradas nunha das etapas máis destacadas da súa carreira: a década dos anos 50. A selección permitirá percorrer a evolución artística do realizador desde 1950, ano no que estreou O crepúsculo dos deuses, ata 1960, cando chegou ás pantallas O apartamento, dúas das obras máis recoñecidas da súa traxectoria.
As proxeccións realizaranse seguindo a orde cronolóxica das películas, facilitando así que o público poida descubrir a transformación creativa do director ao longo dunha década decisiva. Todos os pases serán gratuítos e ofreceranse en versión orixinal subtitulada en castelán nas salas do Centro Comercial Ponte Vella.
Os títulos seleccionados para a sección Agarimo son O crepúsculo dos deuses (1950); O gran carnaval (1951); Testemuña de cargo (1957); Con faldas e ao tolo (1959) e O apartamento (1960).
Billy Wilder deixou unha pegada fundamental no cinema grazas a unha filmografía marcada pola intelixencia dos seus guións, os seus diálogos brillantes e unha visión crítica da sociedade estadounidense. Ao longo da súa carreira conseguiu sete premios Óscar, incluíndo recoñecementos por Días sen pegada, O crepúsculo dos deuses e O apartamento, ademais dun Óscar honorífico recibido en 1988.
O seu legado inclúe títulos que permanecen na memoria colectiva, como Con faldas e ao tolo, película que tamén permitirá ao OUFF lembrar o centenario do nacemento de Marilyn Monroe, ou Sabrina, dúas obras que continúan exercendo influencia no mundo do cinema.
Agarimo tivo a súa primeira edición en 2025, dedicada ás figuras de Angela Lansbury e Carmen Martín Gaite, e nesta nova convocatoria continúa a súa aposta por recuperar e celebrar personalidades imprescindibles da cultura a través da pantalla grande.