O OUFF leva o cinema ao Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar cunha nova proxección do OUFF Social

OurenseXa
Os directores do festival, o cineasta Ángel de la Cruz e a actriz Estíbaliz Veiga participaron no encontro coas persoas internas tras a película
OUFF-leva-o-cinema-ao-Centro-Penitenciario-de-Pereiro-de-Aguiar-2026
Imaxe de arquivo
3 Oct 2026

O OUFF · Ourense Film Festival volveu levar o cinema máis alá das salas convencionais cunha nova actividade no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, onde se realizou unha proxección dirixida ás persoas internas. A iniciativa forma parte do OUFF Social, unha das liñas do festival destinada a achegar a programación cinematográfica a diferentes colectivos e espazos da contorna.

Ata o centro desprazáronse os directores do OUFF, Óscar Doviso e Marcos Vázquez, que nesta ocasión estiveron acompañados polo director Ángel de la Cruz, responsable do filme La Silla, e pola actriz Estíbaliz Veiga. Ambos participaron posteriormente nun encontro coas persoas internas para compartir impresións sobre a película e conversar arredor do cinema.

O filme está protagonizado por Jaime Lorente, que este sábado estará en Ourense para recibir o Premio Ópera Prima polo seu traballo en El mal hijo.

Con esta actividade, o festival mantén a súa aposta por sacar o cinema dos espazos habituais e propiciar un contacto directo entre o público e os profesionais do sector audiovisual. O encontro no centro penitenciario forma parte dunha iniciativa que o OUFF desenvolve nos últimos anos dentro da súa vertente social.

O festival busca así utilizar o cinema como unha ferramenta de encontro, participación e acceso á cultura, achegando as películas e os seus protagonistas a públicos diversos.

A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celébrase do 25 de setembro ao 4 de outubro, cunha programación que inclúe diferentes propostas e actividades vinculadas ao mundo audiovisual.

⇒ENTREVISTA

 

 

0.17007493972778