O OUFF organiza un autocine de verán co thriller de Balagueró 'Mientras duermes'

GaliciaXa | OurenseXa
O festival ourensán propón unha sesión de cine ao aire libre desde o coche no aparcadoiro do Complexo Deportivo de Monterrei, con entrada de balde para un máximo de 70 vehículos
autocine_ouff_2026
18 Aug 2026

O OUFF · Ourense Film Festival continúa coas actividades paralelas da súa 31ª edición e suma unha proposta orixinal: un autocine de verán pensado para que o público ourensán goce do cine ao aire libre sen saír do coche.

A sesión terá lugar o xoves 27 de agosto ás 23.00 horas no aparcadoiro situado ao carón do Complexo Deportivo de Monterrei, no concello do Pereiro de Aguiar. Trátase dun espazo amplo, situado xusto despois das canchas e da pista de atletismo, que por unha noite se converterá nun escenario cinematográfico ao aire libre cunha pantalla de grandes dimensións.

A película escollida para esta cita veraniega é Mientras duermes, o thriller psicolóxico dirixido por Jaume Balagueró, considerada unha das obras máis inquietantes e recoñecidas dentro do seu xénero. A cinta, non recomendada para menores de 16 anos, destaca polo seu ambiente de tensión constante e pola interpretación de Luis Tosar, que dá vida a un antagonista especialmente perturbador. Con esta escolla, o festival aposta polo terror, convencido de que o formato autocine reforza a sensación de inmersión propia das historias de suspense.

O acceso será de balde ata completar o aforo, fixado nun máximo de 70 coches. Para que a proxección se desenvolva correctamente, a organización pide apagar as luces dianteiras ao estacionar, manter o motor apagado durante toda a sesión e evitar facer ruído. O son da película emitirase a través de frecuencia modulada (FM), de xeito que cada vehículo poida escoitala con claridade dende a súa propia radio. Ademais, o recinto contará con persoal encargado de organizar a chegada e a colocación dos vehículos.

Con esta iniciativa, o OUFF reforza a súa intención de achegar o cinema á veciñanza a través de propostas dirixidas a tódolos públicos que combinan ocio, cultura e verán. Esta cita súmase a outra actividade similar celebrada a finais de xullo: un cine de verán pensado para mascotas que tivo lugar no Centro Comercial Ponte Vella.

A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 25 de setembro ao 4 de outubro.

0.20987701416016