O OUFF organiza unha sesión ao aire libre na a terraza do Centro Comercial Ponte Vella coa proxección de 'Fantástico Sr. Fox'

OurenseXa
A proxección gratuíta celebrarase o 30 de xullo e contará, como novidade, cun espazo reservado para persoas que queiran asistir coas súas mascotas
cine-huellos-ouff
24 Jul 2026

O Ourense Film Festival (OUFF) incorpora este verán unha nova actividade á súa programación coa organización dunha sesión de cine ao aire libre na que se proxectará a película Fantástico Sr. Fox. A iniciativa celebrarase o vindeiro 30 de xullo na terraza superior do Centro Comercial Ponte Vella e terá entrada gratuíta ata completar a capacidade.

A proxección desenvolverase entre as 22.00 e as 23.30 horas, nun horario pensado para facilitar a asistencia de familias con nenos e nenas e, ao mesmo tempo, compatibilizar a actividade co descanso da veciñanza.

Esta proposta pretende ofrecer unha experiencia cinematográfica aberta a toda a cidadanía nun espazo ao aire libre. Como principal novidade desta edición, o festival habilitará unha zona específica para as persoas que desexen acudir acompañadas das súas mascotas, unha iniciativa que busca garantir a convivencia e o benestar tanto dos animais como do resto do público.

A actividade está organizada polo OUFF coa colaboración do Centro Comercial Ponte Vella e da empresa local Estrellas & Huellas.

A película escollida para esta sesión é Fantástico Sr. Fox (2009), a longametraxe de animación en stop-motion dirixida por Wes Anderson e baseada na obra de Roald Dahl. O filme narra a historia do señor Fox, un raposo que, tras abandonar a súa vida como ladrón de galiñas para formar unha familia, decide regresar á acción cun último golpe contra os granxeiros Boggis, Bunce e Bean.

Con motivo da creación do espazo reservado para mascotas, a organización difundiu tamén unha serie de recomendacións para as persoas asistentes. Entre elas, aconséllase valorar previamente se o animal está cómodo en contornas con ruído e afluencia de público, manter as mascotas sempre suxeitas con correa e baixo supervisión, levar unha manta ou almofada para o seu descanso, dispoñer de auga e alimento durante a sesión e recoller os seus residuos para manter limpo o recinto.

A sesión celebrarase o xoves 30 de xullo na terraza superior do Centro Comercial Ponte Vella, con acceso libre e gratuíto ata completar a capacidade dispoñible.

0.13585209846497