O OUFF pecha a súa 31ª edición cunha gala marcada polo recoñecemento e a emoción

OurenseXa
KIRO e Club Kid reciben as Calpurnias ás mellores películas e Charo López é distinguida co Premio Especial OUFF á súa traxectoria
ourense-film-festival-2026-clausura
Imaxe de arquivo
4 Oct 2026

O Ourense Film Festival puxo este sábado o punto final á súa 31ª edición cunha gala de clausura na que o cinema, o talento e a emoción compartiron protagonismo. O Auditorio Municipal de Ourense reuniu numeroso público, profesionais do sector audiovisual e os premiados desta edición nun acto que serviu para pechar unha semana dedicada ás películas e aos encontros arredor do cinema.

A gala estivo presentada pola xornalista Noelia Rey e o presentador Luis Larrodera, baixo a dirección de Iván Iglesias e con vestiario de Adolfo Domínguez. Ao longo da noite repasouse o palmarés das diferentes seccións do festival, con entregas de premios, actuacións, homenaxes e intervencións.

A cerimonia comezou cos galardóns da Sección Oficial Panorama Galicia. O Premio á Mellor Interpretación foi para a ourensá Elena Seijo por Walking Holiday, nun galardón entregado por Adriana Páramo, representante de CIMA. A mesma película conseguiu tamén o Premio ao Mellor Guión, que recolleu o seu autor, o irlandés Cian Desmond, de mans de Luis Iglesia, representante de AISGE.

O Premio á Mellor Curtametraxe Panorama Galicia recoñeceu Baja la marea, de Óscar Villarroya, mentres que o Premio á Mellor Curtametraxe Internacional foi para Vital, de Amir Zargara. Os galardóns foron entregados, respectivamente, por Nani Matos e pola actriz Carla Nieto.

O bloque de Panorama Galicia pechouse co Premio á Mellor Dirección, que recaeu en María Aparicio por A veces me entra tristeza, otras veces rebelión. A directora arxentina, presente na gala, recolleu o premio de mans de Ariadna Silva, representante de CREA.

Un dos momentos destacados da noite chegou coa intervención de Óscar Doviso, que puxo o foco na dimensión colectiva do festival. "Pasaron moitas películas. Pasaron cineastas, actores, actrices, produtores, estudantes, profesionais e espectadores. Pasaron encontros, conversas, risas, emocións e tamén algunha que outra discusión arredor dunha película. E pasou algo que para nós é aínda máis importante: volvemos facer comunidade arredor do cine", afirmou.

Doviso tamén destacou o papel do público nesta edición: "tivemos algo que para min é fundamental: un público que participou, que encheu as salas, que preguntou, que opinou e que fixo seu o festival". E concluíu: "Mentres haxa historias que contar, persoas dispostas a contalas e espectadores dispostos a escoitalas, teremos unha razón para seguir aquí".

A continuación entregouse o Premio Ópera Prima a Jaime Lorente pola súa película El mal hijo. A actriz Irene Esser foi a encargada de entregarlle o galardón, nun momento que incluíu tamén unha breve conversa co actor e director, que agradeceu emocionado o recoñecemento.

A gala continuou cos premios da Sección Oficial Internacional. O Premio Carlos Velo á Mellor Dirección foi para Myrsini Aristidou por Hold Onto Me, mentres que o Premio á Mellor Interpretación recoñeceu a Jessica Reynolds por The Wolf, the Fox & the Leopard. A actriz irlandesa desprazouse ata Ourense para recoller persoalmente o galardón, entregado por Federica Sabattini, integrante do Xurado Internacional.

O Premio ao Mellor Guión foi para Cristian Mungiu por Fjord, e o Premio Especial do Xurado recaeu en La Maison des femmes (La casa de las mujeres).

A música tamén tivo o seu espazo na gala coa actuación de Escuchando Elefantes, que interpretou dous temas no Auditorio de Ourense e protagonizou outro dos momentos emotivos da noite.

A homenaxe desta edición tivo como protagonista a Charo López, que recibiu o Premio Especial OUFF en recoñecemento á súa traxectoria. O galardón foi entregado por Francis Lorenzo, nun acto no que tamén interveu o actor e no que a homenaxeada pronunciou un discurso no que mostrou a súa emoción e felicidade por este recoñecemento a toda unha vida dedicada á interpretación.

Na recta final chegaron os Premios do Público. O Premio do Público Panorama Galicia foi para KIRO, entregado por Laura González, directora de Abanca Ourense Centro. Pola súa banda, o Premio do Público Internacional recaeu novamente en La Maison des femmes (La casa de las mujeres), que recibiu o galardón de mans de José Luis Rodríguez, delegado de Estrella Galicia en Ourense.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, tomou entón a palabra nun dos momentos institucionais da clausura. Menor destacou o "éxito de participación, de público e de programación" desta 31ª edición e afirmou que "Ourense quere cine, sabe facer cine e sabe acoller o cine".

Durante a súa intervención, reafirmou o compromiso da institución provincial co certame: "Cada vez que crece o OUFF, crece tamén a proxección de Ourense. Non entendemos o apoio á cultura como un gasto, senón como unha inversión na nosa identidade, na nosa economía e na imaxe que queremos proxectar no exterior".

Menor felicitou tamén as persoas e películas premiadas e agradeceu o traballo da organización e do público, antes de concluír que "o OUFF ten presente, ten futuro e, sobre todo, ten a toda unha provincia detrás".

Os dous máximos galardóns do festival chegaron na parte final da gala. A Calpurnia á Mellor Película Panorama Galicia foi para KIRO. A xornalista Amalia Enríquez, integrante do xurado de Panorama Galicia, foi a encargada de entregar o premio, que recolleu María del Carmen Quiroga, filla da propia Ana Kiro.

Como peche do palmarés da 31ª edición, a Calpurnia á Mellor Película da Sección Oficial Internacional foi para Club Kid, de Jordan Firstman. O galardón foi entregado por Ana Alvargonzález, presidenta do xurado.

Coa despedida de Noelia Rey e Luis Larrodera concluíu a gala de clausura, que deu paso á proxección de El mal hijo, pechando oficialmente a 31ª edición do OUFF. A noite serviu así para recoñecer o traballo de cineastas e intérpretes, ademais de celebrar xunto ao público unha nova edición do Festival de Cine Internacional de Ourense.

As películas premiadas poderán volver verse este domingo no Teatro Principal. Ás 11:00 horas proxectarase KIRO, gañadora da Calpurnia á Mellor Película da Sección Oficial Panorama Galicia, mentres que ás 17:30 horas será a quenda de Club Kid, gañadora da Calpurnia á Mellor Película da Sección Oficial Internacional. Pola súa banda, La Maison des femmes (La casa de las mujeres), vencedora do Premio do Público Internacional, poderá verse novamente o 8 de outubro, xunto coa película sorpresa á que se accede co Bono 10+.

⇒ENTREVISTA

 

 

0.18381714820862