O OUFF pecha as súas presentacións de Panorama Galicia e Xanela e leva o cine ao centro penitenciario de Pereiro de Aguiar

O OUFF · Ourense Film Festival viviu este venres unha xornada intensa de actividades, con presentacións de películas en competición, o peche da súa sección de proxectos en desenvolvemento e unha nova cita da súa programación social fóra das salas convencionais.
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu ao longo da mañá dúas rolda de prensa da Sección Oficial Panorama Galicia. A primeira estivo protagonizada por María Aparicio, directora de 'A veces me entra tristeza, otras veces rebelión', a súa cuarta película, que chega ao festival despois de colleitar recoñecemento internacional, entre eles o premio Giornate degli Autori na Mostra de Venecia e unha mención especial na sección Zabaltegi-Tabakalera do Festival de San Sebastián. A cineasta explicou que o filme, unha coprodución arxentina con participación galega rodada parcialmente no Museo Reina Sofía, non busca cambiar o mundo, senón poñer en circulación, de forma humilde, preguntas sobre as condicións laborais, as relacións humanas e a vida na cidade. No encontro tamén interveu Ana Montes, produtora da cinta, quen reivindicou a defensa colectiva dos dereitos propios e alleos fronte á dureza do contexto actual. A película compite con outros títulos como 'Gatillero', 'Walking Holiday' e 'Kiro'.
A segunda rolda de prensa de Panorama Galicia pechou as presentacións desta sección coa película 'Walking Holiday', dirixida polos irmáns irlandeses Cian e Jack Desmond e protagonizada pola actriz ourensá Elena Seijo. O acto, conducido polo asesor de programación do festival, César Silva, serviu para explicar a orixe persoal do proxecto, vinculado aos lazos familiares de Cian Desmond con Galicia, e a produción íntima que levaron a cabo cun equipo de só tres persoas nos Ancares. Tanto o director como Seijo destacaron a conexión cultural entre Irlanda e Galicia e a intensidade da convivencia durante a rodaxe. A última proxección da película nesta edición tivo lugar esta tarde, ás 17.00 horas, no Teatro Principal de Ourense.
Por outra banda, o espazo Ceres 1894 acolleu a última presentación da sección Xanela, dedicada a proxectos en desenvolvemento, coa longametraxe 'Aquagym', ópera prima da directora carballiñesa Iria Sobrado. O encontro, moderado pola coordinadora de Xanela, Cristina Pascual, serviu para presentar un proxecto, aínda en proceso de financiamento, centrado nun grupo de seis mulleres unidas pola práctica do aquagym, inspirado na observación que a propia directora fixo de mulleres maiores nunha piscina universitaria de Santiago de Compostela. Sobrado definiu a cinta como un drama con moita retranca que reivindica os corpos reais das súas protagonistas.
A xornada completouse cunha nova cita do OUFF Social, a liña do festival dedicada a achegar o cine a diferentes colectivos e espazos. Nesta ocasión, o festival desprazouse ata o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar para ofrecer unha proxección dirixida ás persoas internas do centro. Ao encontro acudiron os directores do festival, Óscar Doviso e Marcos Vázquez, xunto a Ángel de la Cruz, director da película 'La Silla', e a actriz Estíbaliz Veiga, que participaron nun coloquio tras o pase. A cinta está protagonizada por Jaime Lorente, que este sábado estará en Ourense para recibir o Premio Ópera Prima polo seu filme 'El mal hijo'.