O OUFF presenta o cartel da súa 31ª edición, obra da ilustradora galega Xulia Vicente

OurenseXa
A imaxe oficial do Ourense Film Festival 2026 rende homenaxe ás profesións do cine, especialmente ás que traballan detrás das cámaras
presentacion-cartel-ouff-2026
19 Jun 2026

O Ourense Film Festival (OUFF) presentou este xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel o cartel oficial da súa 31ª edición, unha obra da ilustradora galega Xulia Vicente, que será a imaxe do certame en 2026. O acto contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; do director técnico do OUFF e director da Área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez; do director artístico do festival, Óscar Doviso; e da propia autora.

Durante a presentación, Luis Menor destacou que “esta é unha gran obra dunha gran artista que vai sorprender e revolucionar ao público do OUFF”, ao tempo que subliñou o obxectivo de ampliar os públicos do festival e converter o evento nunha proposta cultural aberta e diversa.

O cartel desta edición rende homenaxe explícita a todas as profesións vinculadas ao cine, con especial atención ás que desenvolven o seu labor detrás das cámaras. A obra tamén quere reflectir o espírito lúdico e creativo que acompaña o proceso artístico.

Segundo explicou a propia Xulia Vicente, a ilustración nace da idea do gozo creativo e do xogo no proceso artístico. A base da composición é un gran ollo, símbolo da mirada creadora, que representa a observación, a creación e o diálogo entre obras artísticas. A partir desta idea estrutúrase unha narrativa visual na que o intercambio de ideas alimenta a creatividade.

Outro dos elementos destacados son as aves, que simbolizan a abundancia de ideas e proxectos no ámbito cinematográfico. Entre elas destaca a garza, vinculada á paisaxe do río Miño e á cidade de Ourense, que conecta a obra co territorio.

Nacida en Cariño (A Coruña) en 1993, Xulia Vicente é ilustradora e autora de cómic con ampla traxectoria no ámbito galego, estatal e internacional. Formada na Universitat Politècnica de València, conta con obras como Anna Dédalus: O misterio da mansión queimada, Duerme Pueblo ou Ari, cazador de dragones, ademais de colaboracións en revistas e proxectos internacionais.

En 2022 foi galardoada cun Premio Ignatz polo cómic La jinete me aguarda / I See a Knight, consolidando a súa proxección internacional.

O cartel será a imaxe oficial do festival, que celebrará a súa 31ª edición do 25 de setembro ao 4 de outubro de 2026 en Ourense.

0.13889694213867