O OUFF reunirá 18 curtametraxes de 11 países na súa sección a concurso

O OUFF · Ourense Film Festival xa ten pechada a selección de curtametraxes que competirán na súa 31ª edición. Serán 18 traballos procedentes de 11 nacionalidades distintas, cunha presenza destacada de España, que achega sete títulos —tres deles de produción galega—, seguida de Portugal, con dúas obras. Completan a lista curtas de Irán, Bélxica, China, Cuba, Canadá, O Salvador, Suíza, Alemaña e Brasil.
As curtas galegas optarán aos premios da Sección Oficial Panorama Galicia, mentres que o resto competirá na Sección Oficial Internacional. Nesta edición, a sección galega tamén conta cunha ampla presenza no formato de longametraxe, con sete títulos a concurso entre documentais e ficción.
Na súa maioría, os traballos comparten un enfoque social, con historias que tocan os fluxos migratorios, a violencia contra a muller, a saúde mental ou a memoria histórica, xunto a outras temáticas como as relacións familiares, a adolescencia ou a venda de órganos. Todas as obras seleccionadas son de ficción e proxectaranse en tres bloques no Cineclube Padre Feijoo, con entrada gratuíta.
Entre os títulos que se poderán ver figuran 'Prayer' (Portugal), 'Cremada' (España), 'Orosi' (Irán), 'Química' (Galicia), 'El relevo' (España), 'La culpa de Caín' (O Salvador), 'Baja la marea' (Galicia), 'Polígono X' (España), 'Norheimsund' (Cuba), 'No son sus ojos' (Galicia) ou 'Consolatio' (Portugal), entre outras. Algunhas destas curtas xa pasaron por certames internacionais de referencia como Sundance ou a Semana da Crítica de Cannes.
O festival, que se celebrará do 25 de setembro ao 4 de outubro, xa vén desenvolvendo actividades paralelas ao redor desta edición, como un autocine de verán organizado nas últimas semanas.