O OUFF volve percorrer Ourense cunha nova edición dos Roteiros de Cine

OurenseXa
O festival organiza tres xornadas gratuítas, os días 28 e 30 de setembro e 2 de outubro, para visitar os lugares da provincia que serviron de escenario a películas e series
roteiros_cine_ouff_26
20 Aug 2026

O OUFF · Ourense Film Festival anunciou o regreso dos Roteiros de Cine, unha das súas actividades paralelas máis consolidadas e cun forte seguimento por parte do público nas últimas edicións. A proposta converte de novo á provincia de Ourense nun gran plató ao aire libre, a través de diferentes percorridos que permiten coñecer os lugares onde se rodaron películas e outras producións audiovisuais de distintas épocas.

Ao longo das visitas, os participantes poderán ver como diversos puntos da provincia, e tamén da propia cidade, se transformaron para dar vida a distintas historias diante das cámaras. Ademais de sinalar as localizacións exactas, os roteiros inclúen anécdotas e curiosidades sobre cada rodaxe, achegando unha forma diferente de coñecer tanto o cine como o patrimonio do territorio.

As visitas son gratuítas e terán un carácter divulgativo e lúdico, guiadas por Beatriz Rodríguez Álvarez e Olalla Lorenzo Sueiro. O traslado entre as distintas paradas farase en autobús, e quen queira participar deberá anotarse previamente, xa que as prazas son limitadas. As reservas poden facerse a través do correo roteirosdecine@gmail.com ou chamando aos teléfonos 690 813 726 e 988 215 465.

Os Roteiros de Cine convertéronse nunha das actividades paralelas preferidas polo público, ao combinar divulgación cultural, patrimonio e cine nun formato aberto a todos. Con esta iniciativa, o OUFF reforza a súa aposta pola promoción cultural da provincia e pola posta en valor dos espazos que forman parte da súa identidade audiovisual.

Consulta o programa

0.12877607345581