O Ouren Sound Fest presenta a súa XI edición cun cartel de primeiro nivel

GaliciaXa | OurenseXa
Duncan Dhu, Love of Lesbian, Iván Ferreiro, La M.O.D.A., Siloé, Marlon, Niña Polaca, Carlos Ares, Alcalá Norte, Fontán, A Duendeneta e Markitos DJ forman o cartel deste ano
PRESENTACION-OUREN-SOUND-FEST-2026
20 May 2026

A Deputación de Ourense colaborará un ano máis na celebración do Ouren Sound Fest, que afronta a súa XI edición cun cambio de localización pero mantendo o seu obxectivo de consolidar a Ourense como referente musical.

O presidente provincial, Luis Menor, participou este martes na presentación do festival, onde destacou que se trata “o primeiro Festival de Ourense e un dos máis importantes de Galicia”. Segundo explicou, o cambio de escenario —que se traslada ao campo de fútbol do Parque Tecnolóxico de San Cibrao das Viñas— mantén a “mesma perspectiva”, centrada en reforzar o papel da provincia no mapa musical.

A organización definiu o cartel desta edición como unha proposta “musical de primeiro nivel”, con artistas de referencia do panorama estatal e a presenza de talento galego. Entre eles destaca Iván Ferreiro, que celebra o seu 35 aniversario sobre os escenarios, nun programa que, segundo a organización, aspira a converter esta edición na máis destacada ata o momento.

Durante a presentación, Menor subliñou tamén o impacto do festival no territorio, tanto a nivel cultural como económico. Neste sentido, sinalou que o evento xera máis de 300 postos de traballo directos e indirectos e que arredor do 90% dos provedores son da provincia, o que contribúe á economía local.

O presidente provincial puxo en valor ademais a colaboración público-privada que fai posible o festival e destacou a súa capacidade de atracción de público máis aló da provincia. Segundo afirmou, trátase dun evento que reúne asistentes de distintos puntos de Galicia e tamén doutras zonas de España.

O Ouren Sound Fest preséntase así como unha iniciativa que busca, en palabras dos seus promotores, “promocionar o territorio” a través da música e da cultura, ao tempo que actúa como “motor económico” para o municipio anfitrión. Neste contexto, Luis Menor felicitou á organización pola súa traxectoria e polo impulso dun proxecto que cualificou de referencia, e agradeceu tamén o apoio institucional da Xunta de Galicia, que reforza a súa aposta por este tipo de eventos culturais.

PROGRAMA COMPLETO DO OUREN SOUND FEST 2026

0.12284111976624