O Ourense Film Festival inaugura este venres a súa vixésimo novena edición

OurenseXa
O festival arranca esta noite cunha gala inaugural na que se presentará a película 'El eco de otras voces', sobre a traxectoria do deseñador ourensán Adolfo Domínguez
Cartel da película 'El eco de otras voces'
27 sep 2024

O Ourense Film Festival (OUFF) comezará a súa 29º edición este venres, 27 de setembro, coa estrea mundial da película 'El eco de otras voces', sobre a traxectoria do deseñador ourensán Adolfo Domínguez. Asinada por Adriana Domínguez, filla do empresario e actual presidenta executiva da marca de moda, proxectarase tras a gala inaugural que terá lugar no Auditorio de Ourense.

'El eco de otras voces' é unha longametraxe sobre a vida e traxectoria dunha das figuras crave na historia da moda en España, creador de emblemas como “a engurra é bela”, que recollen toda unha filosofía que marcou unha época.

A través da mirada de Adriana Domínguez a longametraxe saca á luz os aspectos infrecuentes dun home poliédrico, no que caben os seus éxitos internacionais, e os seus desencontros profesionais e familiares. Ademais, descobre algúns capítulos da súa vida menos coñecidos como a súa infancia en Trives, o seu paso polo cárcere franquista ou os seus anos universitarios en París. “O eco doutras voces” realizouse co apoio da Deputación de Ourense.

O mesmo filme volverá a presentarse para o público xeral o domingo, 29 de setembro, no Teatro Principal, así como en varias sesións ao longo do Festival. As proxeccións terán lugar entre as 17.00 e as 22.00 horas en varios escenarios: os cines Ponte Vella, o Teatro Principal e o Cineclube Padre Feijoo.

60 películas ao longo de dez días

En total proxectaranse 60 películas de ficción, documentais en animación repartidas en 101 sesións por 6 salas da cidade. A Sección Oficial Internacional proxectará filmes con ata 19 países representados, de directores novos ou de gran traxectoria que firman películas recoñecidas no circuito de grandes festivais. A programación de filmes a concurso complétase con varios ciclos. Por unha banda Ouffemérides, no que este destaca a homenaxe ao director Carlos Velo, estreando unha versión restaurada do filme Raíces (1954) e lembra a rodaxe en Ourense de Monsingnor Quixote, en 1987. En Ciclo Inédito: Autoras, o público pode achegarse a varios filmes asinados por mulleres que aínda non se proxectaron na cidade: Mamífera, de Liliana Torres; Los pequeños amores, de Celia Rico; Nina de Andrea Jaurrieta; Políticamente Incorrectos de Arantxa Echevarría; Sica de Carla Subirama e Un sol radiant de Monica Cambra e Adriana Fortuny. Por outra banda, o Ciclo Cinema e Auga, explorará historias que teñen a auga como elemento protagonista con La forma del agua, Aguas oscuras e Acción Civil.

Consulta o programa completo do Ourense Film Festival 2024

0.099764108657837