O Paco Paz reforza os seus protocolos de emerxencia a través dun simulacro de evacuación

O Pazo dos Deportes Paco Paz, dependente da Deputación de Ourense, acolleu este xoves, 8 de outubro, un simulacro de emerxencia para comprobar os procedementos de actuación e reforzar a seguridade nas instalacións.
A actividade comezou con dúas sesións formativas destinadas ao persoal do centro que integra os equipos de evacuación. A continuación, realizouse un exercicio práctico no que participaron os traballadores do recinto, as persoas usuarias das distintas actividades deportivas e o persoal dos clubs e das empresas externas que se atopaban nas instalacións.
O simulacro foi coordinado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Deputación de Ourense e enmárcase nas medidas previstas para implantar o Plan de Autoprotección do complexo deportivo.
A iniciativa busca comprobar o funcionamento dos protocolos ante unha posible situación de emerxencia e familiarizar tanto o persoal como os usuarios coas pautas de seguridade e evacuación.
A programación de exercicios de autoprotección nos edificios provinciais continuará o vindeiro martes, 13 de outubro, cun novo simulacro no Teatro Principal de Ourense.