O Parlamento Galego aproba instar ao Goberno central a que proceda á apertura do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

O Parlamento Galego aprobou, hoxe, sen votos en contra, instar de novo ao Goberno central a que cumpra cos compromisos adquiridos e proceda á inmediata apertura do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que acumula “vinte anos de peche inxustificado”.
Tras adiarse ata finais de 2026 o prazo de remate das obras –ao incumprirse o fixado para o primeiro trimestre deste ano-, o Grupo Popular, a través dunha proposición non de lei, solicitou ao Goberno central a que acabe coas “aldraxes a Ourense”.
Segundo relatou o deputado do Grupo Popular, Juan Casares, foi en 2002 cando o museo pecha ao público para a súa remodelación arquitectónica e a súa adaptación á nova museoloxía, trasladando os servizos e a colección a outros edificios da provincia. “Desde ese momento e ata 2012, o museo entra en vía morta”, dixo. Sería, explicou, durante o Goberno de Mariano Rajoy cando se retoma o proxecto de reforma e acondicionamento, a partir dun novo plan museolóxico, elaborado pola propia entidade. Pero, tal e como lamentou, durante o Executivo de Pedro Sánchez o proxecto vólvese paralizar.
A obra adxudicaríase, finalmente, en 2019, por máis de 9,2 millóns de euros e cun prazo de execución de 30 meses, contados a partir de setembro dese mesmo ano. “En 2022, no canto de estaren rematadas as obras, só ían executadas ao 20%”, explican os populares, que salientan que “o certo é que seguimos agardando, mentres o museo segue pechado ao público”.