O Parque de Montealegre acollerá unha observación guiada da eclipse solar do 12 de agosto

A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense, en colaboración coa Asociación Astronómica de Ourense, organizará o vindeiro 12 de agosto a actividade gratuíta “Un balcón ao universo”, unha proposta para seguir a eclipse solar desde o Parque de Montealegre. A cita comezará ás 19.30 horas e contará cun máximo de 60 participantes.
Durante a xornada, integrantes da Asociación Astronómica de Ourense encargaranse da asistencia técnica, facilitando a observación do fenómeno a través de telescopios e ofrecendo asesoramento ás persoas asistentes para a realización de fotografías da eclipse.
A organización tamén porá á disposición do público lentes homologadas, co obxectivo de garantir unha observación segura durante as fases parciais da eclipse.
A actividade dispón de 60 prazas, que se asignarán por rigorosa orde de inscrición a través da páxina web oficial do programa de actividades do Concello de Ourense. O prazo para anotarse abrirase o día 20 ás 10.00 horas.
Poderán participar persoas a partir dos 6 anos de idade. No caso dos menores, deberán asistir acompañados por unha persoa adulta, que poderá inscribir un máximo de tres menores ao seu cargo.
O Concello lembra tamén unha serie de recomendacións para garantir a seguridade durante a observación do fenómeno astronómico. Entre elas, insiste na necesidade de utilizar sempre protección ocular homologada durante as fases parciais da eclipse, supervisar de forma continua aos menores e ás persoas que precisen apoio, evitar desprazarse mentres se observa o ceo para previr caídas e seguir en todo momento as indicacións do persoal da organización, respectando ademais a contorna natural onde se desenvolverá a actividade.