O paso dun tren provoca oito lumes na provincia de Ourense

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Estabilizado o lume de Ribas de Sil, en Soutordei, e segue controlado o que afectou aos concellos coruñeses de Vimianzo e Laxe
incendio-ribas-de-sil-desde-quiroga
14 Jul 2026

Na provincia de Ourense, o paso dun tren pola liña convencional ferroviaria provocou na tarde deste luns ata oito incendios forestais en distintos puntos da provincia de Ourense. Os focos localizáronse nos municipios de Maside, onde se rexistraron catro lumes, Ourense, con dous, e tamén en Amoeiro e Punxín.

Segundo a información facilitada pola Consellería do Medio Rural, os incendios tiveron a súa orixe arredor das 14.00 horas e estarían relacionados co tránsito dun convoi ferroviario. Aínda que inicialmente se informou da existencia de catro focos, ao longo da xornada confirmouse a aparición de ata oito incendios de pequena entidade.

No concello de Ourense declarouse un lume na zona de Arrabaldo e outro en Untes, que quedou estabilizado tras afectar unha superficie aproximada de tres hectáreas.

En Amoeiro detectouse outro foco na parroquia de Parada, que tamén permanecía activo. Pola súa banda, en Maside chegaron a declararse catro incendios, dos que dous xa foron extinguidos, un quedou controlado e outro seguía activo. O oitavo foco foi localizado no municipio de Punxín.

Nas tarefas de extinción participan numerosos medios terrestres e aéreos, entre eles efectivos das Brigadas de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF) e helicópteros bombarderos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que traballan de maneira coordinada co dispositivo autonómico.

A columna de fume xerada polo incendio de Untes foi visible desde distintos puntos da cidade de Ourense, aínda que desde Medio Rural indicaron que non existía risco para as vivendas da contorna.

Como consecuencia da proximidade das lapas á infraestrutura ferroviaria, Adif decidiu interromper a circulación de trens entre Ourense e O Irixo. A incidencia afecta aos servizos de ancho convencional que enlazan Ourense e Santiago de Compostela, mentres que os trens de alta velocidade continúan operando con normalidade.

Estabilizado o de Ribas de Sil

Ás 18.47 horas de onte deuse por estabilizado o incendio do concello de Ribas de Sil, parroquia de Soutordei, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 180 hectáreas.

Neste lume, que se iniciou ás 18.22 horas do sábado, foi preciso declarar a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Chenzas, unha situación operativa que quedou desactivada na madrugada do domingo.

Para a extinción deste incendio mobilizáronse, polo de agora, de xeito acumulado, 8 técnicos, 37 axentes, 53 brigadas, 40 motobombas, 4 pas, 9 helicópteros e 8 avións.

Por outra banda, permanece controlado, desde as 23.37 horas de onte domingo, o incendio rexistrado nos concellos coruñeses de Vimianzo e Laxe, que se fusionou, como un único lume, tras unirse os iniciados na parroquia de Salto, en Vimianzo, ás 20.16 horas do sábado, e na de Nande, en Laxe, ás 21.55 horas tamén dese día.

Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie arredor de 220 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado e conxunto, 4 técnicos, 53 axentes, 65 brigadas, 57 motobombas, 5 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 1 avión.

 

0.1225278377533