O Pazo de Trasalba acolle a presentación da Ruta dos Viños con Esencia de Río dentro das Rutas Enoturísticas das IXP de Galicia

O Pazo de Trasalba será o escenario da presentación da Ruta dos Viños con Esencia de Río, unha proposta incluída nas Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia que chega ao territorio de Val do Miño-Ourense.
Esta segunda cita do programa enoturístico celebrarase o luns 22 de xuño no municipio de Amoeiro, tras o seu paso por Barbanza e Iria, e busca poñer en valor o papel dos ríos na configuración da paisaxe, da cultura e da tradición vitivinícola da zona.
A actividade desenvolverase nun dos espazos patrimoniais máis emblemáticos da provincia de Ourense, o Pazo de Trasalba, e permitirá coñecer os recursos enoturísticos da IXP a través dunha visita guiada e dunha cata comentada, que estará maridada con produtos locais.