O peche da escola infantil “A casiña” deixa sen opcións ás familias das Lagoas

OurenseXa
Os pais e nais do barrio ourensán denuncian que o peche deste centro foi comunicado cando xa formalizaran as inscricións para o vindeiro curso e co prazo de matrícula pechado en moitas escolas infantís
a-casiña-as-lagoas
Escola Infantil A Casiña
3 Mar 2025

O pasado 27 de febreiro, a escola infantil “A Casiña”, no barrio das Lagoas, anunciaba o seu peche para o vindeiro curso a través dun comunicado enviado tanto ás familias como ás traballadoras do centro, cando xa se asinara as matriculacións para o vindeiro curso.

No comunicado, Cáritas, a entidade encargada da xestión deste centro, alegaba que a razón do peche da escola infantil, a única no barrio, debíase a motivos económicos, xa que, segundo xustifican, levaban varios anos con perdas económicas. Sen embargo, as familias cuestionan os motivos alegados pola institución, debido a que o centro está subvencionado pola Xunta de Galicia. Por iso, esixen ao Goberno galego que tome parte para evitar o peche da escola.

“As Lagoas perde o seu pilar na educación dos nosos fillos”, denuncian os familiares. A escola infantil abriu as súas portas en 1977 e, dende entón, foi a única opción para os nenos e nenas deste barrio ourensán que, agora, terán que desprazarse a outros barrios para poder asistir á escola infantil, dificultando a conciliación familiar.

“Os nosos pequenos atópanse sen alternativa no barrio e co prazo de matrícula xa pechado en moitas escolas infantís da cidade”, expresan as familias afectadas, que están a recoller sinaturas para frear o peche do centro. “As nais e pais vémonos obrigados a buscar outra escola a contra reloxo para o vindeiro curso. As traballadoras, obviamente, á rúa”. Por iso, piden a Cáritas que propoña unha alternativa ao peche.

⚙ Configurar cookies
0.42128610610962