O Pereiro de Aguiar continúa cos traballos de mellora das pistas deportivas municipais

O Concello do Pereiro de Aguiar continúa co programa de renovación das pistas deportivas municipais, con actuacións destinadas a mellorar o estado e as condicións das instalacións para a práctica de diferentes disciplinas.
Os traballos xa se executaron nas pistas de Tapada de Bouzas e Vilariño, onde se está a actuar sobre as superficies deportivas para substituír os pavimentos deteriorados. A intervención conta cun investimento de 61.800,65 euros.
O proxecto contempla a renovación dos pavimentos mediante a instalación de novo céspede sintético e resinas deportivas, segundo as características de cada pista. As actuacións inclúen tamén a actualización do equipamento existente nas instalacións.
Esta intervención dá continuidade aos traballos realizados o pasado ano nas pistas deportivas da urbanización de Veiga de Abaixo, Monterrei e o núcleo de Calvelle. O Concello prevé continuar progresivamente con este tipo de actuacións en pistas deportivas de diferentes puntos do municipio.
Coa renovación das instalacións, o Concello busca conservar e mellorar os espazos municipais destinados á actividade deportiva e facilitar que a veciñanza dispoña de instalacións en condicións axeitadas para a práctica de exercicio físico.
As actuacións forman parte do programa municipal de conservación e renovación dos espazos públicos e das instalacións deportivas do Pereiro de Aguiar.