O Pereiro de Aguiar terá o seu primeiro instituto de secundaria, con máis de 5.500 metros cadrados e capacidade para 370 alumnos

O concello ourensán de O Pereiro de Aguiar contará por primeira vez cun centro de ensino secundario propio. Trátase do futuro Instituto Padre Feijóo, cuxo proxecto construtivo foi presentado este mércores e que sairá mañá a licitación a través do portal de contratación pública, cun investimento que supera os 11 millóns de euros. Segundo o previsto, as obras poderían arrincar a comezos de 2027, co obxectivo de que o centro estea operativo para o curso 2028/29.
O novo instituto disporá de máis de 5.500 metros cadrados construídos, contando tanto os edificios como os espazos exteriores cubertos. Terá capacidade para un máximo de 370 estudantes, repartidos en oito aulas de ESO e catro de Bacharelato, xa que desde a súa apertura aplicarase a redución de ratios prevista en 1º de ESO.
Ata agora, os mozos e mozas deste concello tiñan que desprazarse a localidades veciñas para cursar os seus estudos de secundaria, xa que O Pereiro de Aguiar só contaba cun centro educativo, o colexio Plurilingüe Ben-Cho-Shey, no que ademais se está a investir máis de 2 millóns de euros nunha obra de ampliación.
Durante a presentación salientouse que esta nova infraestrutura responde á necesidade de crear prazas escolares en zonas con crecemento demográfico, unha estratexia que tamén se está a aplicar noutros puntos de Galicia. Neste sentido, avanzouse que o vindeiro ano haberá tres centros educativos en construción de forma simultánea na comunidade —en O Pereiro de Aguiar, Ames e Vigo—, cun investimento conxunto superior aos 40 millóns de euros. Trátase, ademais do instituto ourensán, dun novo colexio en Ames e doutro instituto no barrio vigués de Navia.
Todos estes proxectos comparten un mesmo enfoque de deseño, baseado no chamado Plan de nova arquitectura pedagóxica, que aposta por edificios adaptados á contorna natural e con espazos interiores flexibles, capaces de ampliarse ou dividirse en función das necesidades educativas de cada momento.
Un deseño adaptado á ladeira
O IES Padre Feijóo erguerase sobre unha parcela de 20.000 metros cadrados, dos que algo máis de 4.800 corresponderán a superficie construída e outros 740 a espazos exteriores cubertos, deixando ademais amplas zonas verdes. O centro terá dúas liñas de ESO e dúas de Bacharelato, con aulas ordinarias e de desdobre, así como espazos especializados: obradoiros de tipo maker, laboratorios, aula de música, tecnoloxía, e de plástica e debuxo. Contará tamén con seminarios, despachos e outras dependencias administrativas.
O conxunto organizarase en cinco edificios adaptados á pendente do terreo, o que permitirá reducir o impacto visual sobre a contorna e garantir ao mesmo tempo a accesibilidade universal. Catro deses volumes terán dúas plantas, mentres que o quinto configurarase como un espazo de dobre altura destinado ao ximnasio. Todos eles quedarán conectados por un corredor central que os percorre seguindo unha disposición en forma de espiña de peixe.
O acceso principal ubicarase no patio central, buscando reducir distancias e evitar longos percorridos por corredores. Nas plantas baixas, arredor da entrada e do vestíbulo multifuncional, concentraranse os espazos administrativos, a biblioteca, a aula de música e a cafetería, pensados para poder utilizarse tamén fóra do horario lectivo. As zonas con maior afluencia de usuarios situaranse na fachada principal dos edificios, mentres que as de menor circulación quedarán na parte traseira.
As plantas superiores reservaranse para as aulas. Dos catro bloques con acceso independente ao exterior, tres albergarán as aulas ordinarias e o cuarto reunirá as aulas especializadas, como a de debuxo. Cada bloque agrupará un curso completo, con dúas aulas de clase, unha de desdobre e un aseo. As aulas de cada curso estarán separadas por un tabique móbil, de xeito que poidan unirse para formar un espazo único cando sexa necesario. O chamado "foro" farán de zona central de distribución cara ao resto das estancias, que tamén contarán con tabiques móbiles para poder abrirse a el. O ximnasio, polas súas características e necesidades particulares, ocupará un edificio independente, o quinto do conxunto.