O persoal da Policía e Bombeiros de Ourense cobrará os pluses de nocturnidade e festividades

OurenseXa
O Concello de Ourense vén de aprobar provisionalmente as 5 modificacións de crédito que presentou no Pleno extraordinario
Concello de Ourense
23 Xul 2024

O goberno municipal presentou esta mañá nun Pleno extraordinario a aprobación provisional de 5 expedientes de modificación orzamentaria, por un importe total de 10.513.535,8 euros e o levantamento dun reparo suspensivo para continuar coa tramitación do pagamento de retribucións variables (pluses de nocturnidade e festividades) correspondentes aos meses de febreiro a maio de 2024.

Os proxectos de modificación orzamentaria, utilizando as figuras dos créditos extraordinarios e dos suplementos de crédito, teñen como finalidade dotar crédito en diferentes partidas utilizando fondos procedentes de remanente de tesourería para gastos xerais. Serán, concretamente 400.000 euros para a rehabilitación dun edificio na Praza da Trindade para sede da Oficina de rehabilitación do Conxunto Histórico da Cidade (1P/2024); 430.800,00 euros para o gasto da iluminación do Nadal (3P/2024); 113.058,72 euros para investimento e reposición do Obradoiro de Emprego Montealegre IV (4P2024); 501.000 euros (4M/CMD/2024) para transferencias correntes ao Consello Municipal de Deportes, e 9.468.277,08 euros para débedas incluídas na conta 413 (2P/2024).

Alén destas modificacións orzamentarias tamén se debateu a proposta do levantamento do reparo suspensivo para continuar coa tramitación do pagamento de retribucións variables (pluses de nocturnidade e festividades) correspondentes aos meses de febreiro a maio de 2024 ao considerar que hai crédito adecuado e suficiente segundo o informe do Director xeral de recursos humanos do 17 de xullo de 2024. Esta proposta foi aprobada cos votos a favor do grupo de Goberno e a abstención de PP, PSdG e BNG.

A modificación orzamentaria para a rehabilitación do edificio da Praza da Trindade foi aprobada cos votos a favor de Democracia Ourensana, e BNG e a abstención do PP e PSdG.

A conta 413 para o pagamento a provedores foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno, en contra do BNG e abstencións do PP e do PSdG.

A iluminación do Nadal foi aprobada polo voto de calidade do alcalde logo de votar a favor o grupo de goberno, a abstención do PP e o voto en contra do PSdG e do BNG.

As modificacións orzamentarias para a creación dunha nova partida para solicitar o Obradoiro de Emprego Montalegre IV e mais para as transferencias correntes ao Consello Municipal de Deportes foron aprobadas cos votos a favor de todos os grupos políticos

0.18233895301819