O Pleno de Barbadás aproba unha moción do BNG para reforzar a colaboración coa Asociación Cultural Loiro na Memoria

O Pleno do Concello de Barbadás celebrado este luns, 10 de marzo, aprobou cos votos a favor do PSOE e Partido Galego, unha moción presentada polo BNG na que se pedía ao Concello que cumprira co convenio asinado coa Asociación cultural Loiro na Memoria.
Os nacionalistas poñían de manifesto que “a Asociación Cultural Loiro na Memoria desenvolve, e así o vén facendo desde hai anos, unha importante actividade dinamizadora na súa parroquia e no concello en xeral”, e facían fincapé en que “se temos en conta os tempos da pospandemia, cando neste concello non se movía unha folla, a Asociación Cultural “Loiro na Memoria” puxo en marcha innumerables actividades tales como cursos ou actuacións musicais de grande relevancia, entre outras”.
O portavoz nacionalista en Barbadás, Sarín Núñez, lembraba que o traballo levado a cabo pola asociación “estaba a anos luz do realizado polo resto do tecido asociativo, incluída a propia institución municipal”. Porén, insistiu o portavoz, “hai xa algúns anos asinouse un convenio de colaboración entre o Concello de Barbadás e a Asociación Cultural Loiro na Memoria, que incluía, entre outras cousas, as visitas guiadas ao Museo Etnográfico de Loiro e o seu mantemento. Este convenio estipulaba o abono dunha subvención de 4.000 euros ao ano, con cargo ás partidas do propio Orzamento municipal”.
Por este motivo, dende o grupo municipal do BNG denunciaban que dita subvención reduciuse xa en tempos de pandemia “a 3.000 euros e xa no último ano só se lles abonaron 1.500 euros, cando o convenio segue vixente e especifica claramente a asignación de 4.000 euros anuais. No BNG non estamos de acordo con este proceder, especialmente cando a propia institución municipal está a incumprir os convenios que asina co tecido asociativo”.
Sarín Núñez defendeu “o convenio, tal e como está, debe seguir sendo válido e aplicarse tal como foi acordado mentres non se modifique oficialmente pois do contrario, o traballo desta asociación pode verse seriamente afectado, incluso chegando a suspender a súa actividade. Isto tería graves consecuencias, como o peche do Museo Etnográfico de Loiro, que debería seguir aberto e en funcionamento para orgullo da localidade e do Concello”.
Tras a sesión plenaria deste luns, o BNG acadou o apoio do pleno para o cumprimento estrito do convenio de colaboración asinado no seu día coa Asociación Cultural Loiro na Memoria, incluíndo o importe íntegro da subvención establecida no mesmo.