O Polo de Emprendemento de Baños de Molgas xa asesorou a máis de 200 proxectos, o 56% de mulleres

O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, xunto ao alcalde de Baños de Molgas, Manuel Ángel Fernández, as instalacións do Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Concello. Durante a visita, Pardo salientou a importancia deste servizo como apoio ás persoas autónomas e ás pequenas empresas, así como a súa contribución á dinamización económica da contorna.
Na provincia de Ourense, a Rede de Polos conta con catro sedes —Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Verín— que ofrecen asesoramento gratuíto e acompañamento ás persoas emprendedoras, tanto a quen está a valorar iniciar unha actividade coma a quen xa ten un negocio en marcha e quere consolidalo. Entre as catro oficinas suman arredor de 1.400 proxectos atendidos.
O delegado tamén subliñou o compromiso orzamentario do Goberno galego co colectivo autónomo, ao que este ano destina preto de 42 millóns de euros. A maior parte desa partida corresponde á orde única de axudas, dotada con máis de 40,7 millóns de euros, que reúne cinco programas co obxectivo de axilizar os trámites e acompañar o emprendemento nas súas distintas fases, desde o inicio da actividade ata o reforzo da súa continuidade.
Pardo detallou que esta convocatoria, cuxo prazo permanece aberto ata o 30 de setembro de 2026, se estrutura en cinco grandes liñas: o programa de Promoción do Emprego Autónomo e a cota cero, orientado ao inicio da actividade e ao mantemento do emprego; o Bono das Persoas Traballadoras Autónomas, para a consolidación de proxectos xa en marcha; o Bono Remuda, destinado a facilitar o relevo xeracional e a transmisión de negocios; o Bono Nova Oportunidade, para quen retoma a actividade por conta propia; e un programa de conciliación centrado no equilibrio entre a vida laboral e familiar.
En marcha desde marzo de 2024, o Polo de Baños de Molgas prestou asesoramento a máis de 200 iniciativas empresariais e acompañou a constitución de 16 entidades xurídicas. Entre os datos destacados figura que o 56% das persoas atendidas son mulleres, un dato que reforza o seu peso no emprendemento galego.
A área de actuación desta oficina abrangue as comarcas de Allariz-Maceda (Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, Paderne, Allariz, Baños de Molgas e Maceda), Terra de Celanova (Cartelle, Celanova, Gomesende, Padrenda, Quintela de Leirado, Pontedeva, Ramirás, Verea, A Merca e A Bola) e Baixa Limia (Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños e Bande).