O PP de Coles renova a xestora local e abre unha nova etapa centrada en gañar representatividade

OurenseXa
A nova dirección local aposta por incrementar o número de membros para reforzar a presenza política no municipio e recuperar a confianza da veciñanza
xestora-pp-de-coles
6 Jul 2026

O Partido Popular de Coles vén de renovar a xestora local da formación, abrindo unha nova etapa na que se incrementa o número de integrantes co obxectivo de gañar representatividade e trasladar, desde distintos ámbitos, unha alternativa real de goberno municipal.

O presidente provincial, Luis Menor, puxo en valor a iniciativa dos populares de Coles para recuperar a presenza do partido na vida local, unha participación que, segundo subliñou, “é imprescindible para que a veciñanza vexa ao Partido Popular como unha opción de goberno”.

Transcorridos case vinte anos desde que o PP presidira a Corporación municipal, Menor sinalou que “temos que retomar o labor político, porta a porta, e conseguir que a xente confíe de novo no noso proxecto”, especialmente tendo en conta que, ao seu xuízo, o goberno socialista “mostra signos de estar esgotado”. Engadiu ademais que a veciñanza de Coles “merece unha oportunidade de cambio”.

Na nova estrutura local, Francisco Javier Fernández, actual portavoz municipal, pasará a presidir esta xestora, na que tamén se integran os concelleiros José Manuel Míguez e Patricia Figueiras. Segundo se informou, máis da metade do equipo, formado por máis de dez persoas, estará composto por novas incorporacións, co obxectivo de ampliar a base organizativa e a capacidade de traballo da formación no municipio.

0.12165498733521