O PP de Ourense acusa aos socialistas de obstaculizar a moción de censura

OurenseXa
O Partido Popular reitera que rexeita como punto de partida non ter a posibilidade de optar á alcaldía
Concello_Ourense_recurso
Concello de Ourense, Praza Maior
27 Xuño 2024

O Partido Popular de Ourense expresa a súa sorpresa logo de coñecer a decisión dos socialistas de proclamar a Natalia González como candidata á alcaldía na moción de censura  co apoio do BNG.

Os populares entenden que se trata dun acordo entre dúas forzas políticas completamente á marxe do PP e que vai na dirección contraria ás conversas mantidas ata agora.

Desde o PP aseguran que mantiveron en todo momento que o primeiro paso, e obxectivo fundamental, era chegar a un acordo programático para os vindeiros tres anos, deixando para despois a análise dunha estrutura de goberno.

Pola contra, din, atopáronse "cun BNG radical e frívolo que impuxo dende un primeiro momento o seu veto ao PP, como formación maioritaria na oposición e que sistematicamente ten gañado as eleccións sempre na provincia de Ourense, a última vez co maior apoio de toda España". Por iso, o Partido Popular reitera que rexeita como punto de partida non ter a posibilidade de optar á alcaldía.

"Lonxe de que o BNG decidise eliminar as liñas vermellas e falar de propostas para a cidade", din, "hoxe o PP atópase cun obstáculo máis para chegar a un acordo, esta vez dos socialistas. Ante este novo escenario, desde o PP pregúntanse cal será a seguinte imposición: Un programa no que pretendan que os populares voten a favor sen ter ningún dereito?", algo que xa adiantan, non van tolerar.

O Partido Popular esixe e que antes de establecer candidatos estúdese un programa de goberno e piden que o BNG elimine o seu veto.

0.19815301895142