O PP de Ourense comeza a organizar as agrupacións locais da provincia de cara a 2027

OurenseXa
O inicio deste período congresual prodúcese logo de consolidar a estrutura de organización do partido
comite-executivo-ppdeOU
Comité Executivo do partido Popular de Ourense
29 Jan 2025

O Comité Executivo do partido Popular de Ourense aprobou na tarde deste mércores o inicio do calendario congresual na provincia coa convocatoria de cinco conclaves locai correspondentes ás agrupacións de Toén, Cenlle, A Bola, Maside e O Barco de Valdeorras.

A formación popular comeza así unha fase de consolidación das agrupacións locais da provincia, subliñou o presidente provincial, Luis Menor, quen destacou a importancia que teñen estes órganos de representación do partido no territorio, “contribuíndo á consolidación da nosa formación en toda a provincia”.

Esta presenza, engadiu o líder dos populares ourensáns, “é clave para o traballo político, pois unha organización estable e coordinada é fundamental para escoitar as necesidades da veciñanza e saber darlles resposta”.

O inicio deste período congresual prodúcese logo de consolidar a estrutura de organización do partido, coa constitución ao longo destes últimos meses das trece vicesecretarías, nove comités e quince áreas de traballo nas que se divide o partido.

Con estas cinco convocatorias danse novos pasos cara a “efectiva organización” do PP de Ourense e a constitución dos equipos que haberán de afrontar as eleccións municipais de maio de 2027. Nesta liña de traballo, o Comité Executivo aprobará en datas seguintes a convocatoria de máis congresos nas agrupacións locais da provincia.

As cinco primeiras convocatorias celebraranse o día 6 de marzo no Barco de Valdeorras; o 15 en Toén; o día 29 en Maside; o 4 de abril na Bola; e o día 5 en Cenlle.

0.17127513885498