O PP de Ourense critica o BNG por rexeitar unha iniciativa sobre a estación de mercadorías de San Cibrao das Viñas

O Partido Popular de Ourense lamentou que o BNG optase por rexeitar unha emenda relacionada coa estación de mercadorías de San Cibrao das Viñas, unha iniciativa que, segundo os populares, buscaba sinalar directamente a responsabilidade de ADIF e do Goberno de España no impulso desta infraestrutura.
Desde o PP consideran que a proposta tiña como obxectivo “dirixir así a reclamación cara a quen ten nestes momentos a responsabilidade real de actuar, ADIF e o Goberno de España”, e reprochan aos nacionalistas a súa posición no debate.
Os populares sosteñen que a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello de San Cibrao das Viñas xa amosaron o seu apoio á infraestrutura con compromisos concretos, polo que entenden que o foco debería centrarse na actuación do Executivo central.
Neste sentido, a deputada ourensá Noelia Pérez subliñou que “o Goberno de España e ADIF continúan sen responder nin avanzar nos trámites fundamentais para desbloquear a infraestrutura, ausentándose ademais dos principais foros convocados para abordar o futuro da estación de mercadorías”.
Desde o Partido Popular critican que o BNG “volve optar por enredar e por facer oposición á Xunta en lugar de esixir responsabilidades a quen realmente ten paralizada a seguinte fase do proxecto”.
Engaden ademais que “o BNG non debería ter ningún problema en apoiar unha emenda que simplemente pon as cartas boca arriba e sinala a administración que hoxe ten que mover ficha. Pero unha vez máis decidiron actuar como muleta do Partido Socialista e de Pedro Sánchez, facendo malabarismos políticos para desviar a atención dos agravios e incumprimentos do Goberno central con Galicia e coa provincia de Ourense”