O PP de Ourense desvincúlase do atraso nos pagos aos provedores do Concello e reclama explicacións antes do vindeiro pleno

O Grupo Municipal Popular compareceu esta mañá en rolda de prensa para rexeitar que a súa formación teña ningunha responsabilidade nos problemas de pago aos provedores do Concello, un asunto que, segundo denunciaron, o goberno local estaría a tentar atribuír ao PP. A comparecencia estivo a cargo da voceira do grupo, Ana Méndez Gil, acompañada pola edil popular Inma Moreiras.
Méndez Gil defendeu que a súa formación é a primeira interesada en que os provedores cobren canto antes, pero salientou que a obriga de prever, tramitar e abonar os pagos nos prazos correspondentes recae sobre o equipo de goberno, e non sobre a oposición. Nesa liña, insistiu en que o PP non orixinou as facturas pendentes nin permitiu que se esgotasen as partidas orzamentarias, como tampouco promoveu contratacións sen garantías de pago nin deixou pasar os meses sen tramitar as obrigas económicas correspondentes.
A voceira popular relacionou esta situación co que cualificou como un modelo de xestión que actúa sempre a posteriori, sen planificación previa, de xeito que os problemas se detectan e se tentan resolver unha vez que xa medraron, para acabar trasladándose finalmente ao pleno municipal para a súa resolución.
Por outra banda, Méndez Gil valorou de forma positiva que o goberno local convocase unha Comisión de Pleno para este venres, xa que, ao seu xuízo, confirma que os expedientes debían pasar por ese trámite, tal e como viña reclamando o seu grupo. A voceira insistiu en que o labor da oposición non busca entorpecer a actividade municipal, senón esixir explicacións e información sobre a xestión.
Así mesmo, lamentou que a convocatoria do pleno se comunicase o martes ás 14.29 horas, mentres que a documentación correspondente non chegou ata esta mañá, ás 09.30 horas, o que atribuíu a unha falta de planificación e a unha xestión realizada con présa.
A voceira lembrou que o PP exerce a función que lle corresponde como oposición, é dicir, fiscalizar a actuación do goberno local e esixir que as contas municipais se tramiten coas debidas garantías. Nese sentido, subliñou que corresponde ao equipo de goberno, e non ao seu grupo, dar explicacións sobre a orixe das facturas pendentes, xa que é quen xestiona o Concello.
Finalmente, Méndez Gil anunciou que na Comisión de Pleno prevista para o venres o seu grupo pedirá explicacións tras revisar a documentación recibida máis recentemente, e precisou que non adiantarán a súa posición de voto ata teren estudado con detemento toda a información e recibido as respostas oportunas.