O PP de Ourense insta ao alcalde a ampliar e acondicionar o vial que une Pradobó e O Pereiro
O Grupo Municipal do Partido Popular levará ao vindeiro pleno do mes de setembro unha moción para instar ao goberno municipal a que continúe e remate o proxecto de ampliación e acondicionamento do vial que une Pradobó e O Pereiro. “No mandato 2015-2019, froito do consenso acadado entre o PP e o PSOE no Concello de Ourense, e coa implicación do movemento veciñal, conseguiuse preparar un Plan de Obras que permitiu unha enorme transformación en todos os puntos do termo municipal”, lembra o concelleiro Pepe Araújo, quen engade que “dentro daquela relación de proxectos incluíase o vial que une Pradobó e o Pereiro”.
Dende o PP destacan a importancia de executar ese proxecto: “Ese vial é a única opción para poder comunicar os dous pobos da parroquia de Palmés e ademais comunica o concello de Ourense co de Amoeiro”, tal e como explica o edil. Neste senso, fan fincapé tamén no seu estado actual. “É moi perigoso para os seus usuarios diarios debido a estreiteza e as malas condicións nas que se atopa”, denuncia o concelleiro.
Por outra banda, os populares poñen de manifesto que a inversión para este vial xa obtivo naquel entón avances importantes. “Conta cos informes sectoriais necesarios favorables, foi contratado e elaborado o proxecto do trazado e o proxecto construtivo e tamén foi contratado e elaborado o anexo de expropiacións necesarias para a ampliación do vial”, asegura Araújo.
Por último o edil advirte que “solucionar as dificultades deste vial podería a súa vez facilitar que no futuro máis próximo o transporte metropolitano fora unha realidade nesta parte da xeografía ourensá”.