O PP de Ourense levará á Deputación unha moción para impulsar infraestruturas e captar investimentos industriais

O Grupo Provincial Popular da Deputación de Ourense presentará no vindeiro pleno unha moción centrada no impulso das infraestruturas estratéxicas e na mellora da capacidade de atracción de investimentos industriais na provincia.
A iniciativa recolle unha batería de propostas dirixidas tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno central, co obxectivo de fortalecer o desenvolvemento económico, ampliar o solo empresarial dispoñible e favorecer a creación de emprego en Ourense.
A proposta chega despois de que, segundo os populares, o grupo socialista rexeitase no pleno anterior unha emenda presentada polo PP no marco dun debate sobre equidade territorial en proxectos industriais. A vicepresidenta dos populares ourensáns, Marta Nóvoa, explicou que aquela emenda se transforma agora nunha moción propia para poder ser sometida a votación.
Nóvoa defendeu que a iniciativa busca “converter propostas en feitos” e insistiu en que a provincia precisa avances reais en materia de planificación industrial e infraestruturas.
O texto pon o foco no desenvolvemento de áreas empresariais consideradas estratéxicas, como San Cibrao das Viñas, Xinzo de Limia, O Pereiro de Aguiar, O Carballiño-Maside e Paderne de Allariz, co obxectivo de reforzar a competitividade do tecido produtivo provincial e facilitar a chegada de novos proxectos.
No relativo ás administracións, a moción pide á Xunta que continúe impulsando o solo industrial e intensifique, a través do Igape, a captación de investimentos nacionais e internacionais. Ao Goberno central reclámanselle avances en infraestruturas pendentes como a estación de mercadorías de San Cibrao das Viñas, a autovía A-76 e a mellora das estradas N-120 e N-540, ademais da renovación das conexións ferroviarias interiores.
Segundo defende o PP, a modernización destas comunicacións resulta clave para garantir a competitividade das empresas e a chegada de novos investimentos á provincia.