O PP de Ourense levará ao pleno da Deputación unha moción sobre desenvolvemento industrial

O Partido Popular de Ourense presentará no próximo pleno da Deputación unha moción propia centrada no desenvolvemento industrial da provincia, despois de que o Grupo Provincial Socialista rexeitase incorporar a emenda presentada polos populares á súa iniciativa sobre equidade territorial nos proxectos industriais estratéxicos e captación de investimentos.
Segundo explicou o PP, a emenda tiña como obxectivo complementar a proposta socialista con medidas orientadas á mellora da competitividade industrial da provincia, incidindo na colaboración entre administracións, nas infraestruturas e no desenvolvemento de chan empresarial.
Entre as medidas recollidas figuraba solicitar á Xunta de Galicia que continúe e priorice actuacións en áreas empresariais da provincia, entre elas San Cibrao das Viñas, Xinzo de Limia, O Pereiro de Aguiar, O Carballiño-Maside e o parque empresarial de Paderne de Allariz.
A proposta tamén incluía reforzar a promoción exterior do potencial industrial ourensán mediante a prospección de mercados internacionais e a participación do Igape na captación de investimentos.
Ademais, os populares reclamaban ao Goberno central actuacións en infraestruturas consideradas estratéxicas para a provincia, como a estación de mercadorías do polígono de San Cibrao das Viñas, a autovía A-76 e a mellora das estradas N-120 e N-540.
A vicepresidenta do PP de Ourense, Marta Nóvoa, criticou a negativa do grupo socialista a aceptar a emenda presentada polos populares. “Non podemos facer brindes ao sol cunha moción que non aporta nada. Nós presentamos unha emenda para sumar, con propostas concretas e medidas que implican tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno de España”, afirmou.
Nóvoa asegurou tamén que “haxa quen pretenda trasladar a idea de que non existe industria en Ourense, algo que é falso e profundamente inxusto co tecido empresarial da nosa provincia”, e considerou que o rexeitamento da emenda responde á vontade de evitar reclamacións ao Executivo central.
“O PP sempre estará ao carón da creación de industria na nosa provincia. E se esta emenda non sae adiante, traerémola en forma de moción a este pleno”, engadiu.
Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, sinalou que “o Partido Popular sempre estará ao carón da creación de industria e do emprego” e defendeu a necesidade de impulsar “propostas concretas que permitan seguir avanzando no desenvolvemento económico da provincia”.