O PP de Ourense pon en valor o emprendemento feminino no rural con dúas iniciativas do Irixo

OurenseXa
Unha casa niño e unha parrillada xestionadas por mulleres no Irixo exemplifican o papel do emprendemento feminino na economía e na vida social dos pequenos concellos da provincia
PP mulleres rural O Irixo
14 Oct 2026

Con motivo do Día Internacional da Muller Rural, que se conmemora cada 15 de outubro, cobran especial relevancia dúas iniciativas empresariais impulsadas por mulleres no concello do Irixo, que ilustran a diversidade do tecido emprendedor feminino no medio rural.

Trátase, por unha banda, dunha casa niño xestionada por Alba Gil Bernárdez, un recurso dedicado á atención á infancia que facilita a conciliación familiar no municipio. Por outra banda, Julia Crespo Pérez está á fronte da parrillada Abanico, un establecemento hostaleiro que funciona como punto de encontro social ademais de xerar actividade económica na zona.

Ambas as dúas iniciativas reflicten dous ámbitos distintos pero complementarios do emprendemento rural: os servizos de apoio ás familias e a hostalaría como motor de dinamización social e económica. Nos dous casos, trátase de proxectos liderados por mulleres que decidiron desenvolver a súa actividade profesional nun concello pequeno, contribuíndo así a fixar poboación e actividade no territorio.

Dende a Vicesecretaría de Igualdade do Partido Popular de Ourense, encabezada por Elena Freijedo, quixéronse dar visibilidade ao traballo das mulleres que desenvolven os seus proxectos profesionais nos pequenos concellos da provincia, coincidindo cunha data dedicada a recoñecer a súa contribución á vida económica e social do medio rural.

O Día Internacional da Muller Rural, instituído por Nacións Unidas, ten como obxectivo poñer o foco na contribución das mulleres ao desenvolvemento económico, social e comunitario das zonas rurais, así como visibilizar os retos específicos aos que se enfrontan nestas contornas, onde o acceso a determinados servizos e recursos adoita ser máis limitado que nas cidades.

Elena Freijedo salientou a importancia de coñecer directamente este tipo de experiencias para achegar ao debate sobre a igualdade, o emprendemento e as oportunidades no rural a realidade cotiá das mulleres que viven e traballan nos concellos da provincia.

0.16023111343384