O PP de Ourense propón reforzar a prevención ante o repunte das estafas dixitais e dos roubos en vivendas

O candidato do Partido Popular ao Congreso dos Deputados, Roberto González, especializado en asuntos de seguridade cidadá, participou este martes nun encontro veciñal organizado pola Asociación Cultural Albor no barrio ourensán do Couto. A cita tiña como obxectivo analizar cos residentes cuestións relacionadas coa delincuencia, as fórmulas de prevención e as principais inquietudes da veciñanza nesta materia.
Xunto a el acudiron a candidata popular ao Senado, Rosa María Sánchez Gándara, e a aspirante do PP á Alcaldía de Ourense, Ana Méndez Gil. Sánchez Gándara trasladou aos asistentes diversas preocupacións vinculadas á seguridade, ao estado de conservación dos espazos públicos e ás melloras pendentes en distintos puntos do barrio.
O encontro xirou arredor de varios tipos de delitos: furtos, roubos con forza en vivendas, sustraccións con violencia ou intimidación, roubos no interior de vehículos e danos materiais. Tivo especial protagonismo un fenómeno en ascenso, o das estafas informáticas.
Segundo explicou González, os datos do Ministerio do Interior referidos ao primeiro semestre de 2026 mostran que, mentres a criminalidade xeral baixou un 1,9 % na cidade de Ourense, as estafas informáticas medraron un 15 % e os roubos con forza en domicilios dispararonse un 26,7 %. Con estas cifras enriba da mesa, boa parte da charla centrouse en recomendacións prácticas: dende pautas básicas para protexer vivendas e comercios, ata consellos para evitar furtos, sustraccións en coches, actos vandálicos e fraudes a través do móbil, como mensaxes enganosas, suplantacións de identidade ou falsas xestións bancarias.
Tamén se puxo o foco na colaboración entre a cidadanía e as Forzas e Corpos de Seguridade, na importancia de denunciar os feitos delituosos e na atención especial que requiren as persoas maiores, un colectivo máis exposto a determinados tipos de estafa.
O estado do barrio, parte da ecuación da seguridade
González defendeu que a prevención non depende unicamente do traballo policial, senón tamén das condicións da contorna urbana. Describiu O Couto como un barrio cunha vida veciñal, comercial e social destacable, no que resulta clave atender as demandas dos seus habitantes e manter unhas condicións axeitadas de convivencia.
O candidato subliñou a relevancia de contar cunha iluminación suficiente, conservar en bo estado rúas e zonas verdes, evitar o deterioro ou abandono de espazos e responder ás peticións veciñais, en particular as rexistradas nas rúas Antonio Puga e Jesús Soria, así como na zona de Camelias.
Citou expresamente as queixas recentes dos veciños de Antonio Puga polo mal estado da vía, os problemas co arboredo e as carencias de mantemento, factores que, ao seu xuízo, repercuten na calidade de vida e na seguridade diaria de quen reside nesa zona. Pediu así mesmo prestar atención ao estado de conservación, iluminación e mantemento de Jesús Soria e Camelias.
“Cando unha persoa evita pasar por unha determinada rúa porque está mal iluminada ou sente inseguridade, temos unha cuestión que atender, aínda que nese lugar non se cometese ningún delito. O coidado dos nosos barrios tamén contribúe a que as persoas vivan con maior tranquilidade”, sinalou González.
O candidato insistiu en que expor estas cuestións non implica presentar O Couto como un barrio inseguro, senón recoñecer que a tranquilidade veciñal depende tamén do coidado dos espazos públicos, da prevención e dunha resposta axeitada por parte das administracións. “Os veciños do Couto teñen dereito a desfrutar dunhas rúas ben iluminadas, limpas e coidadas. Cando falamos de Antonio Puga, Jesús Soria ou Camelias, falamos de espazos polos que cada día pasan familias, persoas maiores e comerciantes. A seguridade tamén consiste en que poidan facelo nas mellores condicións posibles”, engadiu.
Pola súa banda, Sánchez Gándara destacou a importancia de escoitar de primeira man aos veciños e de atender os problemas cotiáns que inciden na súa calidade de vida. “Os veciños do Couto coñecen perfectamente as necesidades das súas rúas. Non se trata unicamente de falar de grandes proxectos, senón de resolver cuestións tan básicas como unha iluminación axeitada, o mantemento das beirarrúas, o coidado do arboredo ou a conservación dos espazos públicos [...] Escoitar os veciños e dar resposta ás súas preocupacións debe ser unha prioridade”, afirmou. A candidata tamén valorou iniciativas como a impulsada por Albor, que permiten un contacto directo cos residentes.
Ocupación ilegal e seguridade xurídica
González reivindicou unha policía próxima á cidadanía e unha maior coordinación entre administracións, ao tempo que lembrou algunhas propostas do programa electoral popular, entre elas o reforzo dos efectivos policiais, medidas contra a multirreincidencia e a mellora dos recursos tecnolóxicos e formativos para combater a ciberdelincuencia.
O candidato expresou tamén a súa preocupación pola sensación de impunidade que, segundo dixo, poden xerar determinadas condutas violentas ou delituosas reiteradas cando a resposta institucional se percibe como insuficiente. Abogou por reforzar a prevención, mellorar os instrumentos legais fronte á reincidencia e dotar as Forzas e Corpos de Seguridade dos medios e da cobertura xurídica necesarios para o seu labor, defendendo unha resposta proporcionada fronte a quen delinque e unha atención axeitada ás vítimas.
Abordou igualmente a ocupación ilegal de vivendas, reclamando unha lexislación clara que protexa aos propietarios e dote de seguridade xurídica aos axentes nas súas intervencións. Neste contexto, lembrou que o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, anunciou unha proposta para impulsar unha lei contra a ocupación ilegal que permitiría desaloxar aos ocupantes nun prazo de 48 horas, dentro do paquete de reformas lexislativas que defende a súa formación. Segundo explicou González, a iniciativa busca axilizar a recuperación dos inmobles e aclarar as marxes de actuación policial ante casos de violación de domicilio e usurpación, dentro das garantías legais e xudiciais existentes. O candidato remarcou a importancia de distinguir entre ambas figuras xurídicas para que os axentes actúen con criterios claros e respaldo legal.
Recoñecemento ao tecido asociativo
Para pechar o acto, González e Sánchez Gándara agradeceron á Asociación Cultural Albor o seu labor organizativo e a súa implicación na vida do barrio, poñendo en valor o papel das asociacións veciñais á hora de coñecer de primeira man as inquietudes dos residentes.
Sánchez Gándara quixo recoñecer de forma particular o traballo do movemento asociativo en zonas como O Couto: “As asociacións como Albor realizan un traballo fundamental. Son as que mellor coñecen as preocupacións dos seus veciños e as que manteñen vivo o compromiso co barrio. Escoitalas, estar preto delas e atender as súas propostas é esencial para mellorar O Couto”.
González pechou a súa intervención subliñando que a prevención da delincuencia e o coidado dos espazos públicos forman parte dunha mesma preocupación polo benestar cidadán: “A seguridade é unha responsabilidade compartida. Temos que escoitar os veciños, previr os delitos, apoiar o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade e conseguir que os cidadáns poidan desenvolver a súa vida cotiá con tranquilidade. Porque tan importante como vivir nunha cidade segura é poder sentirse seguro nela”.
Ambos os representantes volveron agradecer á Asociación Albor a súa invitación a participar nunha xornada de información e encontro cos veciños do barrio.