O PP de Ourense reafirma o seu compromiso coa inclusión
“Man con man, somos iguais” é o título do manifesto que a Vicesecretaría de Política Social do Partido Popular de Ourense vén de elaborar con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra este martes, 3 de decembro, co fin de reafirmar o compromiso dos populares coa inclusión, a igualdade e o respecto polas persoas máis aló das súas capacidades, dado que todas elas posúen un valor único que aportan á sociedade.
Así, no texto do manifesto o PP de Ourense comprométese no seu traballo diario a promover a inclusión como “fortaleza, necesidade que enriquece e multiplica”, eliminar barreiras físicas, sociais e culturais a través de contornas accesibles e acolledoas; fomentar a empatía e o respecto, construíndo unha sociedade que valore a diversidade e respecte a dignidade individual; escoitar e aprender das persoas con discapacidade, as súas familias e entidades que loitan polos seus dereitos; celebrar a diversidade, valorando as habilidades e talentos únicos de cada persoa; e promover a conciencia social.
A Vicesecretaría de Política Social do Partido Popular ourensán sostén que “debemos avanzar cara un futuro onde a discapacidade non sexa un obstáculo, senón unha oportunidade para aprender, crecer e celebrar unha sociedade máis xusta, inclusiva e chea de posibilidades para todos e todas”. Por elo, apelan a actuar desde a unión, a escoita activa e o compromiso social baixo o parámetro da “igualdade sen límites”, pois deixan claro que “as persoas somos distintas, pero nunca inferiores. Somos iguais”.