O PP de Ourense reclama acceder á documentación da conta 413 antes do pleno deste venres

OurenseXa
Os populares piden consultar os expedientes de gasto que xa estean localizados e manterán a solicitude de información tras a resposta da Secretaría Xeral do Pleno
Ana Méndez Gil e Inma Moreiras
29 Sep 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Ourense rexistrou un novo escrito para reclamar acceso á documentación relacionada coa conta 413 antes do Pleno do 1 de outubro. A petición produciuse despois de que a formación recibise o decreto da Alcaldía que resolve a súa solicitude e o informe da Secretaría Xeral do Pleno no que se fundamenta.

Segundo explica o PP, a resposta municipal concede acceso a parte da información solicitada, pero establece o 27 de outubro como prazo para reunir e remitir os expedientes de gasto correspondentes ás facturas. O informe da Secretaría sinala que a regra xeral é entregar a documentación concedida en dous días hábiles, neste caso ata o 30 de setembro, aínda que a procura de documentación en distintos servizos pode xustificar un prazo maior para os expedientes que o precisen.

“Entendemos que reunir os expedientes de distintos departamentos leva tempo. O que pedimos é que nos entreguen xa o que teñen localizado e que poidamos consultar antes do pleno os documentos necesarios para votar”, afirma a portavoz popular, Ana Méndez Gil.

Entre a documentación que, segundo o decreto, debe ser remitida en dous días hábiles figuran a lenda dos códigos contables, os estados de execución orzamentaria empregados para a modificación 2P e o expediente do Plan Económico Financeiro no seu estado actual. O PP solicita tamén que os expedientes de gasto sexan entregados de forma progresiva, sen agardar a que todo estea recompilado o 27 de outubro.

A formación pediu á Secretaría que identifique os antecedentes que deben estar dispoñibles desde a convocatoria para debater e votar os asuntos incluídos na orde do día. Tamén reclama coñecer que unidades precisan do prazo ampliado e se os seus responsables emitiron informes sobre o tempo necesario para reunir a documentación.

Posteriormente, tras a difusión da súa primeira nota, o PP sinala que a Secretaría Xeral do Pleno comunicou que os expedientes dos tres asuntos incluídos no Pleno do 1 de outubro están completos e dispoñibles desde a convocatoria. Segundo a formación, o informe da Secretaría indica que o resto dos antecedentes das facturas solicitados polos populares non forman parte deses expedientes.

O PP mantén a súa petición de acceso a esa información para fiscalizar a xestión da conta 413 e reclama que se entreguen canto antes os documentos que xa estean localizados, sen agardar á remisión conxunta prevista para o 27 de outubro.

“Queremos que os provedores cobren. Para iso hai que saber que facturas se van pagar, de onde veñen e que documentación hai detrás. O goberno non pode confundir pedir explicacións con bloquear pagamentos”, conclúe Ana Méndez Gil.

0.18700504302979