O PP de Ourense reclama explicacións ao Goberno polos incendios rexistrados na liña ferroviaria entre Ourense e Santiago

GaliciaXa | OurenseXa
Os deputados populares no Congreso rexistran unha iniciativa para solicitar información sobre as actuacións preventivas de ADIF tras os oito lumes do pasado 13 de xullo
incendio-forestal
20 Jul 2026

O Partido Popular de Ourense reclamou ao Goberno central explicacións sobre as tarefas de prevención de incendios realizadas na liña ferroviaria convencional entre Ourense e Santiago de Compostela despois dos incendios rexistrados o pasado 13 de xullo. Os deputados ourensáns no Congreso Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana presentaron unha iniciativa parlamentaria na que solicitan que o Executivo dea conta das actuacións desenvolvidas por ADIF neste ámbito.

Segundo expón a formación, o paso dun tren de mercadorías pola liña convencional provocou ese día oito incendios case simultáneos nos concellos de Maside, Ourense, Amoeiro e Punxín. Os lumes obrigaron a interromper a circulación ferroviaria durante máis de dez horas e calcinaron máis de oito hectáreas.

Despois de que transcendese que ADIF investiga se a orixe dos incendios puido estar nun convoi “defectuoso” que desprendeu faíscas, os deputados populares consideran que “os mecanismos de prevención do Executivo fallaron por completo”, segundo afirma Celso Delgado.

Na iniciativa rexistrada no Congreso, o PP centra as súas peticións na actuación do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), ao entender que, pese a que o Plan de prevención contra incendios nas vías e nas súas proximidades entrou en vigor o pasado 1 de xuño, “é evidente que non está a funcionar”.

A formación solicita ao Goberno información detallada sobre as actuacións executadas por ADIF na liña convencional Ourense-Santiago entre o 1 de xuño e o 13 de xullo, así como unha relación das tarefas de limpeza química e mecánica desenvolvidas en estacións, terminais e marxes da vía durante este ano e das previstas ata maio de 2027 para reducir a biomasa e a vexetación seca.

Os deputados populares sosteñen que “é imprescindible executar con carácter urxente e periódico labores de roza e retirada de material combustible nas marxes das vías que discorren pola nosa provincia, unha zona que soporta un altísimo risco de incendios forestais nos meses de calor”. Ademais, indican que esta petición coincide coa moción presentada polo grupo provincial do PP na Deputación de Ourense.

Na iniciativa parlamentaria, o Partido Popular sinala que o sucedido o pasado 13 de xullo non constitúe un feito illado e lembra outros episodios rexistrados nos últimos anos.

Entre eles cita o incendio ocorrido en Boborás en 2015, no que arderon 180 hectáreas e que derivou nunha sentenza da Audiencia Nacional que condenou a ADIF e Renfe por permitir que as faíscas dun tren prendesen na materia orgánica acumulada xunto á vía.

Tamén fai referencia aos incendios rexistrados na contorna de Ourense durante 2025, que provocaron apagamentos xeneralizados e cortes da circulación ferroviaria con Madrid debido a lumes próximos ás vías en Ourense, San Cibrao das Viñas, O Couto e Barbadás.

Como terceiro antecedente, menciona os conatos de incendio rexistrados en 2026 en Noalla e Castroverde, no municipio de San Cibrao das Viñas, provocados pola caída de árbores sobre as liñas ferroviarias e a catenaria, unha situación que levou ao Concello a reclamar actuacións urxentes.

A través desta iniciativa, o PP de Ourense solicita tamén coñecer se ADIF está a cumprir coa súa obriga de supervisar os sistemas de freado das empresas ferroviarias de mercadorías e os motores de combustión dos vehículos diésel, co obxectivo de evitar que as infraestruturas ferroviarias estatais poidan supoñer un risco para a aparición de incendios forestais na provincia.

0.13875794410706