O PP de Ourense reclama o expediente completo das obras do parque de Coto de Canedo

O Grupo Municipal do Partido Popular presentou este martes dous escritos oficiais para solicitar información detallada sobre as obras do parque de Coto de Canedo, situado no barrio da Ponte. Un dos documentos foi dirixido á área de Contratación e o outro á área de Infraestruturas, co obxectivo de esclarecer os motivos que levaron a introducir o Modificado número 1 do proxecto orixinal, o procedemento seguido para a súa tramitación e se o construído finalmente se corresponde co que foi aprobado no seu momento.
No escrito remitido a Contratación, a formación popular reclama o texto íntegro do proxecto modificado, xunto cos informes técnicos que xustifican os cambios introducidos e a resolución administrativa mediante a cal foron autorizados. Así mesmo, solicita coñecer o custo que supuxo esta modificación e de que xeito foi financiada. O grupo tamén pide que se lle faciliten as ordes que puidesen terse dado para executar traballos adicionais ou diferentes aos contemplados inicialmente no proxecto, especificando as datas en que foron emitidas.
Pola súa banda, na petición dirixida a Infraestruturas, o PP reclama as actas de replanteo da obra, a documentación que acredite que os terreos estaban dispoñibles para o seu uso, a relación de parcelas afectadas pola actuación e as certificacións correspondentes aos traballos realizados. A isto súmase a solicitude dos informes de seguimento da obra e os planos que permitan comparar tres versións distintas: o proxecto inicial, o modificado posteriormente e o resultado final construído.
A portavoz municipal do PP, Ana Méndez Gil, defendeu a necesidade desta petición de información. "Se foi necesario cambiar o proxecto, os veciños teñen dereito a saber por que, canto custa e en que momento se detectaron os problemas. Pedimos os documentos para comprobar os feitos antes de sacar conclusións", sinalou.
En ambos os dous escritos, o grupo popular insiste en que o acceso aos expedientes debe ser íntegro e facilitado en formato dixital. Ademais, advirte de que, no caso de que algún dos documentos solicitados non exista, o Concello deberá comunicalo de forma expresa.