O PP de Ourense remata a campaña con chamamentos ao voto útil e un encontro co sector da caza

O Partido Popular de Ourense desenvolveu o pasado 26 de novembro unha intensa xornada de campaña con actos en varios puntos da provincia, combinando mitins de carácter xeral con encontros sectoriais centrados no mundo rural.
A actividade política concentrouse en dúas citas principais, celebradas na Casa da Cultura da Valenzá, en Barbadás, e no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova. Nos dous actos participaron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; o presidente provincial do PP, Luis Menor; e os cabezas de lista por Ourense ao Congreso e ao Senado, Ana Belén Vázquez e Miguel Ángel Santalices.
Durante a súa intervención, Prado insistiu en que os resultados electorais "só se deciden nas urnas" e pediu o chamado voto útil de cara ao que cualificou como un cambio necesario no Goberno de España. Segundo explicou, quedaban entón tres xornadas decisivas para dar un xiro ao que describiu como un clima de tensión e malestar social, apostando por un proxecto que, ao seu xuízo, representa o candidato popular.
Mitin Celanova PPPola súa banda, o presidente provincial, Luis Menor, pediu un esforzo final de mobilización e marcou como obxectivo que Ourense se convertese na provincia con maior respaldo ao candidato popular tanto en Galicia como no conxunto de España. Menor lembrou os resultados obtidos pola súa formación en Celanova e Barbadás en anteriores citas electorais, superando o 50 % dos votos en varios comicios recentes, e chamou á militancia a trasladar a mensaxe do partido a cada recanto do territorio ata o remate da campaña.
Pola súa vez, a candidata ao Congreso Ana Belén Vázquez defendeu que a proposta do seu partido representa unha garantía de boa xestión e transparencia, fronte ao que denominou "oito anos de decadencia" baixo o actual Executivo. A candidata tamén mostrou o seu apoio a compañeiros de formación que, segundo relatou, foron obxecto de increpacións durante unha concentración informativa do partido celebrada días antes no centro de Ourense, denunciando os cánticos e insultos proferidos durante ese episodio.
Ademais dos mitins, a xornada incluíu numerosos encontros sectoriais e veciñais: reunións co sector da perruquería, co mundo da cultura, con gandeiros, con xóvenes empresarios e con distintas asociacións veciñais da cidade, ademais de mesas informativas e percorridos por diferentes barrios de Ourense.
Encontro co sector cinexético
Reunión PP Ourense cazaDe forma paralela, representantes do PP de Ourense mantiveron un encontro coa Real Federación de Caza en Ourense e coa Asociación de Tecores Galegos (ATEGAL), no que participaron os candidatos ao Congreso Ana Vázquez, Rosa Quintana e Roberto González. O obxectivo da reunión foi analizar a situación actual do sector cinexético e recoller as súas demandas de cara ao programa electoral.
Durante o encontro, os candidatos defenderon o valor social, económico e ambiental da actividade da caza na provincia, subliñando o seu papel na xeración de emprego e na xestión da fauna silvestre. Vázquez sinalou que este sector forma parte da cultura rural e reclamou un cambio de actitude por parte da Administración central, á que acusou de manter unha actitude de desconfianza cara a esta actividade nos últimos anos.
A candidata defendeu así mesmo que as políticas de protección ambiental deben deseñarse en colaboración con quen traballa o territorio, e non de forma unilateral desde a Administración central. Neste sentido, reivindicou o papel de agricultores, gandeiros e cazadores como principais garantes do coidado do medio rural.
Finalmente, os representantes do partido trasladaron ao colectivo cinexético o seu compromiso de ofrecer maior respaldo institucional e seguridade xurídica ao sector en caso de chegar ao Goberno.