O PP de Ourense solicitará un informe pericial que aclare os problemas detectados na piscina das Burgas

OurenseXa
Ana Méndez pregunta por que o concelleiro de infraestruturas recepcionou a obra se había perdas de auga
Piscina Termal das Burgas
16 Jan 2025

O PP de Ourense súmase ao PSOE e ao BNG e critica o anuncio do alcalde de Ourense de manter a piscina das Burgas pechada durante, polo menos, outros nove meses.

A portavoz popular, Ana Méndez, pregúntase “por que o concelleiro de infraestruturas recepcionou a obra se había perdas de auga” e asegura que o seu partido solicitará que o Concello contrate “un informe pericial para detectar onde está realmente o problema, a súa orixe e como se fixo a recepción da obra”.

As reaccións chegan logo de coñecerse que o Concello mantería pechado o complexo termal logo de detectar que “houbo unha neglixencia técnica na reforma integral que vén de se acometer”.

Dende o Concello sinalan que o proxecto, contratado no anterior mandato pola concelleira de Termalismo, Flora Moure, así como os técnicos da área de Termalismo e o xefe de obra, “non contemplaron a impermeabilización integral de vaso, só do fondo, excluíndo os laterais, e sinalan que o xefe de obra non detectara fugas de auga ata que a obra foi concluída polo que xa non pode facer modificacións”. De feito, o propio alcalde, a través das súas redes, acusa directamente aos funcionarios de termalismo. "O proxecto, encargado por no mandato anterior cunha concelleira popular, obviou a impermeabilización do vaso", e escúsase en que "esta é a única obra" desde que é alcalde na que "o seu equipo directo non contratou o proxecto nin o director da obra", achacando a responsabilidade aos responsables de termalismo do anterior mandato.

“Se se decidise abrir igualmente, suporía unha perda diaria de 200 litros o que xeraría un problema non só de perda de auga senón tamén porque levaría ao límite o funcionamento das máquinas”, sinalaba nun comunicado.

0.1607620716095