O PP de Ourense xustifica o traballo da Xunta coa sanidade en Ourense pese aos últimos incidentes no CHUO

O grupo provincial do PP rexeita as acusacións do PSOE de Ourense sobre a sanidade ourensá e acusan aos socialistas de “facer propaganda política” e de “mentir” cun tema de especial relevancia como é a sanidade.
Esta semana, e tras os múltiples incidentes rexistrados nas instalacións do CHUO durante o último mes, os socialistas alertaban da gravidade da situación e aseguraban que a institución provincial estaba a “desentenderse da problemática, argumentando que non ten competencias na materia e trasladando a responsabilidade á Xunta de Galicia”. Unha resposta “preocupante” para o PSdeG de Ourense, que instaba á Deputación de Ourense a asumir un papel máis activo na defensa dos dereitos e necesidades dos cidadáns de Ourense
Lembraban ademais que traballadores e sindicatos, así como os usuarios do CHUO, arrecían nas súas denuncias sobre o estado dos traballos e a sucesión de accidentes, destacando a falta de transparencia e planificación das obras. Por iso, reclamaron que Xunta e Deputación adoptasen “medidas urxentes” para garantir a seguridade e evitar máis incidentes que poñan en risco vidas de pacientes, visitantes e persoal.
O PP ourensán xustifica o traballo da Xunta
Tras estas acusacións, o PP de Ourense defende o compromiso da Xunta de Galicia fronte as afirmacións, para eles, “sen fundamento” da oposición, e lembran que o goberno autonómico leva investidos máis de 80 millóns de euros nos hospitais da área sanitaria: destes, 52 millóns para a ampliación e a reforma do CHUO e o resto de investimentos para outros proxectos importantes para a veciñanza como a nova área de urxencias do hospital de Verín ou a ampliación das áreas hospitalarias de día e farmacia no Hospital do Barco de Valdeorras.
Outros dos compromisos adquiridos pola Xunta de Galicia con Ourense, din, son os novos centros de saúde de Boborás, A Rúa, Muíños, Novoa Santos e Mariñamansa, cunha inversión conxunta que ascende a 25 millóns de euros.
Dende o Grupo Provincial do PP de Ourense defenden “o papel activo da Deputación para impulsar proxectos sanitarios, fronte ás afirmacións falsas do PSOE”. Neste sentido, aseguran que o goberno provincial “tense implicado en proxectos claves para a área sanitaria, fomentando o diálogo e a cooperación con outras administracións, en prol da veciñanza, sempre no ámbito das competencias que lle corresponden á Deputación”.
No caso do Hospital Materno, xustifican que a Consellería de Sanidade actuou rápido e dilixentemente para reubicar os servizos, “ofrecéndolle tranquilidade a pacientes e profesionais, garantindo a asistencia en todo momento”.
Explican que no actual mandato de Luis Menor á fronte da Deputación de Ourense, destináronse partidas específicas para proxectos de sanidade. Así, a Deputación destina 186.000 euros ao novo centro de saúde de Boborás e 130.000 ao novo centro de saúde de a Rúa. A Deputación tamén cedeu 3.500 metros cadrados de terreo para o novo centro de saúde de Mariñamansa.