O PP de Ramirás crea a súa propia xestora local presidida por Manuel Alejandro Domínguez

O Partido Popular de Ramirás acordou por unanimidade a creación dunha xestora local, que estará presidida por Manuel Alejandro Domínguez, substituíndo no cargo ao ata agora responsable da agrupación, Juan Carlos Rodríguez Matías.
A decisión foi adoptada nunha reunión da militancia na que participou o presidente provincial, Luis Menor, quen destacou o respaldo unánime á medida, sinalando que “pon de manifesto a unidade que existe no PP de Ramirás”.
Menor marcou como prioridade da nova dirección “relanzar e ampliar o partido para recuperar o goberno municipal e as tradicionais maiorías obtidas noutras convocatorias electorais”, nun contexto político que cualificou de complexo.
O líder provincial tamén tivo palabras de recoñecemento para Juan Carlos Rodríguez Matías polo seu labor durante máis de dúas décadas na política municipal. En especial, destacou a súa etapa como alcalde en minoría entre 2015 e 2019, período no que, segundo indicou, foi “quen de demostrar capacidade de diálogo e pacto para garantir os mellores servizos á veciñanza”.
En relación coa situación política actual, Menor sinalou que “os resultados electorais en 2023 deixaron un complexo escenario no concello”, con tres concelleiros para cada unha das principais forzas políticas (PP, PSOE e BNG). Ademais, criticou o “incumprimento por parte da alcaldesa socialista do pacto polo que debería ter cedido ao portavoz popular o bastón de mando en Ramirás en xuño de 2025”.
A creación da xestora e o nomeamento do seu presidente deberán ser ratificados na próxima Xunta Directiva do Partido Popular de Ourense. Con esta, xa son 14 as xestoras constituídas na provincia, nun proceso que, xunto coa celebración de arredor de vinte congresos locais, sitúa a case a metade das agrupacións populares en fase de renovación ou xa actualizadas.