O PP denuncia irregularidades na RPT do Concello de Ourense

OurenseXa
O Grupo Municipal advirte sobre a convocatoria pola alcaldía da mesa de negociación a mediados de agosto para tratar “asuntos trascendentais” da RPT
Concello_Ourense_recurso
Concello de Ourense
9 Ago 2024

O Grupo Municipal do Partido Popular pon de manifesto, tal e como asegura a súa portavoz, Sonia Ogando que “recibimos con sorpresa a convocatoria da mesa de negociación para o día 14 de agosto. “Resulta sospeitoso que, tendo a oportunidade de facelo antes, se atrasase esta convocatoria para un mes inhábil, incluíndo asuntos transcendentais para a organización dos recursos humanos no Concello de Ourense”, engade a edil.

Por outra banda, a concelleira lembra que “desde fai meses vimos advertindo da necesidade de finalizar o proceso de estabilización, que é de obrigatorio cumprimento para todas as Administracións Públicas”. “E agora enterámonos de que, con nocturnidade, pretenden cambiar as bases de dito proceso, que xa están aprobadas e publicadas no Boletín Oficial de la Provincia; o que, como mínimo, constitúe unha irregularidade manifesta”, advirte a popular.

Ademais, respecto á Relación de Postos de Traballo (RPT) -en cuxa proposta se eliminan as xefaturas de servizo singularizadas-, “o alcalde tería que sentar cos grupos da oposición para discutir o seu regulamento, dado que a súa aprobación corresponde ao Pleno”, indica a concelleira. Intúe que “despois virán a pedir que a oposición llo aprobe, sen negociar previamente, co seu modus operandi habitual”.

Tamén destacan dende o PP que “existen diversas irregularidades en relación coas prazas previstas para la Oferta Pública de Emprego anunciada para o 2024”, que tamén son obxecto da orde do día na citada mesa de negociación. E particularmente, continúa, “ao non convocar as previstas nas ofertas dos anos 2022 e 2023”.

Por último, Sonia Ogando denuncia “a falta de transparencia e a contratación polo Concello de conserxes para centros de educación a través de empresas de contratación temporal, ao marxe da lista oficial existente”. Todo isto, conclúe a portavoz, “reflicte a arbitrariedade e a falta de organización imperantes na política de recursos humanos do Concello de Ourense”.

0.19424510002136