O PP destaca o Centro integral de loita contra o lume de Toén como referente europeo en formación

OurenseXa
Os populares salientan que durante o ano 2025 se impartiron un total de 25 cursos nos que participaron preto de 6.000 alumnos
cursos-bombeirs-spif-toen
30 Apr 2026

O PPdeG pon en valor o Centro integral de loita contra o lume de Toén como “un referente europeo da formación” en materia de prevención e defensa fronte aos incendios forestais, durante unha visita ás súas instalacións.

Os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Cristina Campero e Miguel Viso, acompañados polo alcalde Ricardo González, destacaron a importancia deste centro especializado, deseñado para impartir formación en ámbitos como o risco extremo de incendios, a xestión emocional, o uso de maquinaria lixeira ou a actualización de procedementos operativos. Tamén subliñaron a boa acollida que este tipo de formación ten entre profesionais de distintos países europeos, como Estonia ou Países Baixos.

Segundo explicaron, durante o ano 2025 impartíronse un total de 25 cursos nos que participaron preto de 6.000 alumnos. Para o segundo trimestre deste ano está prevista a realización de 12 novas accións formativas, coa participación estimada de máis de 960 profesionais, entre axentes, bombeiros, vixiantes ou condutores de motobomba.

A programación inclúe contidos relacionados coa investigación de incendios, o manexo de maquinaria, o uso de datos e imaxes de satélite aplicados á extinción, así como ferramentas de xestión emocional e autocoidado. Tamén se aborda a xestión de medios aéreos desde os centros de coordinación.

Este programa formativo forma parte do Plan de formación do persoal do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais, integrado á súa vez no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga), recentemente actualizado pola Xunta de Galicia.

Neste contexto, os representantes do PPdeG tamén destacaron “o investimento histórico” do Goberno galego neste ámbito, que supera este ano os 213 millóns de euros, o que supón un incremento do 18% respecto a 2025.

0.15151691436768