O PP levará ao pleno da Deputación unha moción para reclamar a ADIF a limpeza das marxes ferroviarias

OurenseXa
Os populares piden rozas periódicas, o mantemento das estacións e a eliminación progresiva de produtos fitosanitarios para reducir o risco de incendios
patricia-torres-pp-ourense
10 Jul 2026

O Grupo Provincial do Partido Popular presentará no pleno da Deputación de Ourense correspondente ao mes de xullo unha moción na que reclama a ADIF actuacións urxentes de limpeza e mantemento nas marxes das vías ferroviarias da provincia, co obxectivo de reducir o risco de incendios forestais e frear o deterioro das estacións.

A portavoz do grupo, Patricia Torres, defendeu esta iniciativa asegurando que responde ao “compromiso firme” do PP coa protección do territorio, a prevención dos incendios e a defensa dos concellos da provincia.

A través da moción, os populares instan ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) a realizar, con carácter urxente e periódico, labores de limpeza, roza e retirada da vexetación seca e da biomasa acumulada nas marxes das vías do tren.

Segundo o PP, a falta de mantemento preventivo por parte do Goberno central incrementa o risco de incendios forestais, especialmente durante os meses de maior calor e nun contexto marcado pola seca e as altas temperaturas.

Os populares lembran ademais diversos antecedentes rexistrados na provincia. Entre eles citan o incendio declarado en Boborás en 2015, que queimou 180 hectáreas e polo que a Audiencia Nacional condenou a ADIF e Renfe ao considerar acreditado que o lume se iniciou na materia orgánica acumulada xunto á vía debido ás faíscas dun tren en mal estado.

A formación tamén fai referencia ás incidencias rexistradas en agosto de 2025, cando varios incendios na contorna ferroviaria provocaron cortes da circulación ferroviaria con Madrid e interrupcións do servizo en Ourense, San Cibrao das Viñas, O Couto e Barbadás.

Así mesmo, lembra que en xuño de 2026 o Concello de San Cibrao das Viñas solicitou actuacións urxentes tras un conato de incendio en Noalla e un lume en Castroverde que, segundo indican, se produciron pola caída de árbores sobre a liña ferroviaria e a catenaria.

“As contornas ferroviarias son espazos especialmente sensibles. A presenza de vexetación seca, arborado sen control e biomasa sen retirar non fai máis que incrementar o risco de incendios e agravar as súas consecuencias, poñendo en perigo as persoas, os bens e o propio servizo”, sinala Patricia Torres.

Na iniciativa tamén se reclama que ADIF elimine progresivamente o uso de produtos fitosanitarios para o mantemento das marxes das vías e que aposte por métodos mecánicos ou manuais, co obxectivo de reducir o impacto sobre o solo, a auga e a biodiversidade.

Por outra banda, o Grupo Provincial do PP denuncia o estado de deterioro e abandono que, ao seu xuízo, presentan numerosas estacións ferroviarias da provincia, tanto as que continúan en servizo como aquelas que quedaron fóra de uso.

Os populares sosteñen que moitas destas instalacións teñen valor patrimonial e histórico para os concellos, e advirten de que a súa falta de conservación está a xerar problemas de seguridade e salubridade pública.

0.14718794822693