O PP Ourense pide flexibilizar os criterios de regularización extraordinaria de migrantes

O Grupo Provincial do PP na Deputación de Ourense levará ao pleno de maio unha moción na que insta ao Goberno de España a flexibilizar os criterios do proceso de regularización extraordinaria de persoas migrantes, co obxectivo de adaptar a medida á realidade social da provincia e facilitar a inclusión do maior número posible de persoas.
A iniciativa foi presentada este luns pola portavoz do grupo popular, Patricia Torres, acompañada polo presidente da Asociación Alma Llanera, Lorenzo González, quen puxo en valor o labor da Deputación neste ámbito.
Torres advertiu do que cualificou como “colapso burocrático” e da falta de oficinas de atención no rural ourensán, unha situación que, segundo sinalou, dificulta o acceso ao procedemento para as persoas migrantes que viven en pequenos municipios. Por iso, o PP reclama máis recursos, reforzo de persoal e unha ampliación dos prazos establecidos.
A portavoz popular defendeu que o proceso actual debería axustarse mellor ás condicións do territorio, ao considerar que o prazo é insuficiente. “A regularización extraordinaria é unha oportunidade histórica, pero non podemos permitir que o rural ourensán quede á marxe por culpa de poñer en marcha unha iniciativa sen organización, sen dar información suficiente aos que xestionan esta tramitación e con moi pouco prazo, xa que saíu en abril e acaba o prazo o 30 de xuño”, afirmou.
Neste sentido, o Grupo Provincial do PP tamén demanda mellorar a atención administrativa e facilitar os trámites para evitar desigualdades entre zonas urbanas e rurais. Segundo expuxo Torres, o obxectivo é que “calquera persoa, viva nunha gran cidade ou nun pequeno municipio, poida tramitar os seus papeis en condicións de igualdade”.
Pola súa banda, Lorenzo González agradeceu o apoio da Deputación de Ourense, da que destacou que sexa “a única que atendeu a nosa chamada” e valorou o seu traballo como “excepcional”, ao coordinar unha plataforma única que facilita o proceso tanto ás persoas interesadas como ás entidades sociais. González tamén fixo un chamamento ao consenso político arredor da proposta, subliñando que “por riba das cores están as persoas”.
A iniciativa popular pon o foco, ademais, nas dificultades engadidas que se rexistran no rural pola dispersión poboacional, o envellecemento demográfico e a limitada capacidade administrativa dos concellos pequenos, o que provoca que moitas persoas dependan de servizos centralizados ou de entidades sociais para poder completar os trámites.