O PP pide que non se autorice a circulación ferroviaria entre Ourense e Lugo ata que non esté totalmente garantida a seguridade
O Partido Popular denuncia a “dobre desconexión do Goberno de Sánchez coa provincia de Lugo: por unha banda, o illamento e a discriminación en materia de comunicacións e, por outra, “a evidente desconexión coa realidade do noso territorio”.
O alcalde de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP por Lugo no Congreso, Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades, e ao deputado ourensán Celso Delgado a preocupación do goberno local pola situación do núcleo de Santo Estevo do Sil: vivendas, adegas e viñedos quedan sen acceso debido á supresión dos pasos con motivo das obras na liña ferroviaria. “Sempre houbo apeadeiro e os veciños e veciñas sempre tiveron comunicados. Coas novas obras quedan todos incomunicados: os dun lado non poden acceder ás súas fincas e os do outro non poden acceder ao apeadeiro”, explica o rexedor.
Os veciños e veciñas da zona explicaron aos populares -incluídos alcaldes e concelleiros de municipios da Ribeira Sacra- que confiaban en que non se suprimiría o acceso, pero nos últimos días viron como avanzaba a construción dun muro para levantar vallas a ambos lados da vía e incluíndo a estación -polo que quedará inservible para o público- sen habilitar ningún outro tipo de paso alternativo que permita a comunicación entre ambas marxes da vía. De feito, en Canabal as obras incluíron a construción dun paso inferior.
Conde afea a “improvisación do Goberno de Sánchez” en relación ás obras da vía “dende o punto de vista da seguridade – no que se refire á sinalización e á catenaria- e da accesibilidade”. Por unha banda, lembra os problemas detectados na liña a uns días da súa apertura parcial para o Alvia a Barcelona e, por outra, a eliminación do principal acceso a Santo Estevo sen ningún tipo de explicación. Nese sentido, reivindica que “Adif dea explicacións, garanta a seguridade e o cumprimento dos dereitos dos veciños e veciñas” porque “Galicia, Lugo e a Ribeira Sacra precisan un tren do século XXI”.
Os deputados do PP dirixen formalmente preguntas para que o Goberno responda por escrito sobre a supervisión dos novos equipos de sinalización e a validación da liña área de contacto. E tamén queren que o Goberno explique os estudos realizados de forma previa para avaliar o impacto social das obras nesta zona, se mantivo contacto cos veciños e veciñas e que aclare os prazos nos que prevé construír un paso para garantir a accesibilidade ás vivendas e parcelas en condicións de seguridade.
Os senadores do PP por Lugo tamén se dirixen ao Goberno de Sánchez para que explique que medidas ten previsto adoptar e en que prazos para evitar o grave problema que practicamente imposibilita o acceso a varias vivendas.
A liña Ourense-Lugo, pechada desde 2022
As obras para a mellora da liña do tren entre Ourense – Monforte de Lemos - Lugo supuxeron a suspensión do servizo dende outono do 2022 e o incumprimento dos prazos que daba o Goberno para a reapertura da vía ata en catro ocasións: xullo do 2023, último trimestre do 2023, abril do 2024 e 30 de setembro do 2024.
“Levando preto de ano e medio de atraso, non pode ser que por présas ou por cumprir cunha nova manifestación do Ministro se poña en circulación sen que teña toda a seguridade. Confiamos en que Adif e a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria autorice a circulación cando estea en perfectas condicións”, sinalou Celso Delgado.
Explicacións sobre a recuperación de servizos de e a seguridade
En relación á recuperación dos servizos ferroviarios e á vista de que no Nadal se incrementa a demanda, os deputados populares preguntan que servizos e frecuencias vai ofrecer Renfe para circular dende Lugo ata Madrid ou Barcelona pasando por Monforte e Ourense nesta época. Tamén demandan que se repoñan os servizos que existían antes do inicio das obras na liña Ourense-Monforte de Lemos – Lugo. Así, piden ao Executivo estatal que aclare se vai incrementar as frecuencias entre Lugo e Madrid.