O PP presenta en Ourense propostas fiscais e de vivenda dirixidas a autónomos e mozos

OurenseXa
O partido defendeu a cota cero, bonificacións na contratación e no IRPF, así como rebaixas fiscais en vivenda, en sendos encontros con representantes da peitearía, a estética e o emprendemento xuvenil
PP Ourense Ana Vázquez
26 Nov 2026

O Partido Popular de Ourense celebrou este xoves dous encontros centrados en autónomos, pequenas empresas e mozos, nos que trasladou distintas medidas fiscais e laborais incluídas no seu programa electoral.

No primeiro deles, con representantes do sector da peitearía, a barbería e a estética, participaron a candidata ao Congreso Ana Vázquez, a candidata ao Senado Rosa Sánchez Gándara e o tamén candidato ao Congreso Celso Delgado. O encontro serviu para expoñer as principais propostas económicas do partido para autónomos e pequenas empresas e para recoller as inquietudes dun sector composto maioritariamente por negocios familiares, cunha forte presenza de mulleres e mozos.

Rosa Sánchez Gándara salientou que se trata dun sector que sostén numerosos empregos pero que, na súa opinión, "leva demasiado tempo soportando presión fiscal e custos crecentes".

Entre as medidas propostas polos populares figuran a cota cero para novos autónomos durante o primeiro ano —ampliable a un segundo en determinados supostos—, a rebaixa do IRPF para rendas medias e baixas, incentivos fiscais para mozos emprendedores, a exención do IVE para autónomos cunha facturación inferior a 85.000 euros anuais e a simplificación de trámites tributarios. Tamén propoñen bonificacións do 100 % nas cotizacións empresariais pola contratación do primeiro traballador durante un ano e do 50 % polo segundo, ademais de melloras na prestación por cese de actividade e maior protección en caso de enfermidade grave. O PP aspira, así mesmo, a reducir nun 35 % as cargas administrativas de pemes e pequenas empresas antes de 2029.

Durante a cita tamén se abordaron outras preocupacións do sector, como o incremento dos custos laborais, a rendibilidade dos negocios, a remuda xeracional, a competencia desleal ou a dificultade para atopar persoal cualificado. Igualmente se falou da recuperación do IVE reducido ao 10 %, unha reivindicación histórica que o PP afirma defender mediante iniciativas parlamentarias e sobre a que considera necesario seguir dialogando.

Ana Vázquez afirmou que estes profesionais "precisan un marco estable, menos trabas e políticas que recoñezan o seu esforzo", e asegurou que ese será o seu compromiso "desde Madrid cando goberne Alberto Núñez Feijóo". O partido reiterou a súa intención de manter unha interlocución permanente coas organizacións do sector de cara a futuras reformas económicas e fiscais.

Nun segundo encontro, celebrado con representantes de AXE (Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense), Ana Vázquez expuxo as propostas do PP en materia laboral e de vivenda para a mocidade. Participaron tamén o candidato ao Congreso Roberto González, o candidato suplente Martín Gil e a vicepresidenta do PP de Ourense, Marta Nóvoa.

Vázquez situou a mellora das oportunidades dos mozos entre as prioridades de Alberto Núñez Feijóo, fronte ao que cualificou como "oito anos de abandono" por parte do Goberno de Pedro Sánchez. Segundo datos achegados pola candidata, España presenta unha taxa de paro xuvenil do 23,4 %, que duplicaría a media europea, cun de cada cinco contratos de sete días ou menos. Engadiu que a emancipación xuvenil se atopa nun mínimo histórico do 14,5 %, cunha idade media de 30,2 anos fronte aos 26 da Unión Europea, e que un 30 % dos mozos estaría en risco de pobreza.

Entre as medidas laborais anunciadas, destacan a exención de cota para mozos autónomos durante o primeiro ano —e o segundo se os seus ingresos non alcanzan o salario mínimo interprofesional— e unha bonificación progresiva do IRPF para persoas de entre 18 e 35 anos durante os seus primeiros catro anos laborais: 100 % o primeiro ano, 75 % o segundo, 50 % o terceiro e 25 % o cuarto.

En materia de vivenda, a candidata citou a rebaixa do IVE da vivenda do 10 % ao 4 %, a exención do Imposto de Transmisións Patrimoniais para mozos do ámbito rural e avais de ata o 20 % para menores de 50 anos. Explicou ademais que os mozos que inicien a súa actividade como autónomos ou empresarios poderán deixar a súa vivenda habitual exenta de risco económico en caso de que o negocio non prospere.

Vázquez agradeceu a AXE o seu labor na xeración de emprego e riqueza na provincia e fixo un chamamento a apoiar ao PP nas urnas este domingo.

0.16615891456604