O PP reclama explicacións aos concellos de Maceda e Montederramo pola perda dunha axuda para o camiño Verducedo-Santiso

O PP de Maceda e Montederramo reclama aos gobernos locais de ambos os municipios explicacións sobre a tramitación da solicitude de axuda presentada para financiar o arranxo do camiño que comunica Verducedo e Santiso. Segundo denuncian os populares, o expediente foi dado por desistido ao non atenderse dentro do prazo un requirimento da Administración autonómica para completar ou corrixir a documentación presentada.
A situación foi exposta por José Manuel Gil e Eloy González, representantes do PP en Maceda, e Manuel Rodríguez, de Montederramo, durante unha visita á zona na que tamén participaron os deputados do Parlamento de Galicia Juan Casares e Víctor Baladrón.
A actuación tiña un orzamento de 65.287,70 euros e fora presentada conxuntamente polos dous concellos á convocatoria de axudas da Xunta destinada a impulsar actuacións mediante a cooperación entre entidades locais. A solicitude podía optar a unha achega autonómica de ata 50.000 euros.
Os populares explican que a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia considera desistida a solicitude porque os concellos non responderon no prazo establecido ao requirimento realizado para emendar ou completar a documentación do expediente. Deste xeito, a candidatura quedou excluída antes de chegar á fase de valoración e concesión das axudas.
Desde o PP consideran que esta circunstancia deixa os dous concellos sen a posibilidade de obter financiamento autonómico para unha obra que, segundo indican, tería que ser asumida integramente con fondos municipais se finalmente se executa.
Os populares lembran que o proxecto presentado contemplaba unha axuda equivalente ao 80 % do investimento subvencionable, cifrado en 52.230,16 euros, e sinalan que, ao tratarse dunha actuación promovida de maneira conxunta por dúas entidades locais, cumpría as condicións para aspirar ao límite máximo de 50.000 euros previsto na convocatoria.
Por este motivo, o PP considera necesario que os alcaldes de Maceda e Montederramo aclaren como se desenvolveu a tramitación do expediente e por que non se respondeu dentro do prazo ao requirimento da Administración autonómica.
“Non estamos a falar dunha subvención que xa estivese concedida, pero si dun proxecto formalmente presentado e dunha oportunidade real e viable de financiamento que se truncou unicamente por non responder en prazo á emenda de documentos”, sinalan os populares.
O PP reclama así que se depuren responsabilidades e que se adopten as medidas necesarias para evitar que situacións deste tipo volvan producirse na xestión de proxectos destinados á mellora das infraestruturas rurais.