O PP reclama reforzar o persoal administrativo nas unidades de documentación e estranxeiría de Ourense, Verín e O Barco

Os deputados do PP pola provincia de Ourense, Ana Vázquez, Rosa Quintana e Celso Delgado, presentaron no Congreso unha Proposición non de lei na que instan ao Goberno central a cubrir de maneira inmediata as vacantes de persoal administrativo nas dependencias da Policía Nacional en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
Segundo explican os populares, a situación actual está a provocar que axentes da Policía Nacional teñan que asumir tarefas administrativas, o que afecta ao desenvolvemento das súas funcións operativas. Neste sentido, Ana Vázquez denuncia que “os policías vense na obriga de realizar tarefas administrativas ante a falta de funcionarios administrativos”.
A iniciativa pon o foco na Comisaría Provincial de Ourense, na Unidade de Estranxeiría e Documentación de Verín e na Unidade de Documentación do Barco de Valdeorras. No caso da capital provincial, o PP sinala un déficit de cinco funcionarios, o que obriga a destinar efectivos policiais a labores de oficina e á expedición de documentación como DNI e pasaportes, mesmo a través do Vehículo Integral de Documentación.
En Verín, os populares aseguran que existen tres vacantes de persoal administrativo, o que fai que os axentes asuman a xestión de expedientes de estranxeiría e protección internacional, nun contexto no que tamén consideran insuficiente o catálogo de postos actual.
Mentres, no Barco de Valdeorras todos os postos administrativos estarían vacantes, polo que os policías da unidade asumirían integramente estas funcións, a pesar de que o servizo foi creado para atender a unha poboación duns 27.000 habitantes.
O PP advirte ademais de que esta situación podería agravarse no futuro inmediato debido á previsión dun proceso de regularización masiva de inmigrantes anunciado polo Goberno para 2026. Segundo apuntan, este proceso podería afectar a máis de 4.000 persoas na provincia de Ourense, cun importante incremento de carga de traballo entre abril e xuño.
Entre as súas propostas, os populares solicitan ao Ministerio do Interior a cobertura inmediata das vacantes mediante comisións de servizo, a revisión do catálogo de postos en Verín —sen actualizar desde 2007— e a conversión da unidade do Barco de Valdeorras nunha unidade de estranxeiría e documentación con dotación completa de medios.
Con esta iniciativa, o PP busca “garantir que os cidadáns da provincia de Ourense reciban unha atención adecuada e, fundamentalmente, que os axentes da Policía Nacional poidan dedicarse plenamente ás súas funcións de seguridade cidadá en lugar de cubrir carencias administrativas derivadas da falta de previsión do Goberno”, segundo sinala Ana Vázquez.